Poesía & Ciencia

O 28 de outubro celebrouse no Teatro Rosalía de Castro un recital insólito. Participamos nel Marica Campo, Emma Couceiro, Estibaliz Espinosa, Manuel Rivas, Xavier Seoane e quen isto escribe. Presentou Lucía Aldao. Acompañou con música e cancións Guadi Galego, Guillermo Fernández e Xabier Díaz.
Foi algo moi especial, segundo o sentir do público e os participantes. Para min foi inicialmente un reto proxectar a intervención a pensar en termos de ciencia e poesía, e ao tempo algo que viña ao fío do meu último libro. A proposta era recitar algo de outro autor e algo propio en que cohabitase nun mesmo tema a visión poética e a científica. A miña intervención constaba dos seguintes textos:

«Obrigado, Lucía.
Boa noite, amigas e amigos.

Na miña intervención tentarei introducirvos no ambiente da fábrica. Ese lugar onde os mitos e os ancestrais oficios do metal conviven cos últimos avances da mecánica, da electrónica, da química e da informática.

Un espazo en que a ciencia pura se aplica ao vello metal aquecéndoo a 1300 graos, movéndoo a 80 Km/h, moldeándoo cunha precisión de décimas de milímetro para logo arrefecelo bruscamente procurando no contraste unha harmonía do duro e do brando.

Un espazo en que a ciencia pura se completa coas inmensurábeis impurezas das emocións diarias, das necesidades persoais e colectivas, é dicir, con toda a humanidade que unha máquina colosal precisa para existir.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Metal central: unha crítica de Xulio L. Valcárcel

metalporxvalc3 «Non é sinxelo concebir e elaborar un libro de poemas unitario en si mesmo. Unitario non como suma conexa de textos que responden a un marco temporal, a unha situación persoal concreta ou a ideas ou pensamentos recurrentes; senón unitario desde a orixe, integrado o libro como un todo. Esa impresión domina ao rematar a lectura de Metal central (Espiral Maior 2009), de Alfredo Ferreiro, que recibiu a Mención de Honra do premio de poesía Xosé María Pérez Parallé.

Falamos de impresión porque é posíbel que o autor non se prantexase ab initio ese desenvolvemento e que fose a propia dinámica interna da creación a que propiciase esa unidade, tanto temática como estilística. O certo é que Alfredo Ferreiro aproveitou unha coxuntura biográfica, en principio irrelevante, para escribir un texto singular, tanto no enfoque como nos contidos.

Comenta Álvarez Cáccamo no prólogo a coincidencia entre título, liña argumental e apelido do autor. Quizais se remonte, inconsciente arriba, a un devanceiro esquecido que aflora de novo nas palabras e nos labios de Alfredo para, nunha alquimia máxica, fundir o metal e convertilo en poema. Outro Ferreiro ilustre, de nome Celso Emilio, dicía que na antiguedade os ferreiros eran venerados como posuidores do lume sagrado e transformador.

Certamente, abondosa é achega que o mineral fundido deixou na arte. Velaí a Fragua de Vulcano, de Velázquez: a incandescencia fustiga a quen a contempla, mestura de drama e beleza. O ferreiro é un deus semiespido que moldea ao seu antollo o metal que sen a súa intervención ficaría indomábel.

Se na mitoloxía romana o chamaron Vulcano, fillo de Xúpiter e de Xuno, home de Venus, na mitoloxía grega chámase Hefesto. Home de Venus, dicimos, porque á deusa do amor, a beleza e a fertilidade, acáelle ese contraste de forza e de virilidade necesarias.

Luminoso no escuro > Onde estaba a famosa fragua, na que traballaban cíclopes e xigantes? Disque en Sicilia, baixo o Monte Etna, ou baixo a illa Eólea, no mar Tirreno. Quen sabe. Cíclopes e ferreiros tiñan o sol, o circo solar, como atributo. Se o cíclope se representa cun só ollo no centro da fronte, os ferreiros protexíanse cunha especie de parche.

Alfredo Ferreiro remítenos en Metal central a un mundo inquedante, luminoso no escuro, hermético, no que loitan a frialdade e o lume en tensión extrema. A dificultade do empeño, felizmente superada, radicaba en atopar poesía onde habitualmente non se ve, aínda que a haxa, como Ferreiro demostra co seu brillante e ben contruído poemario. Parece que ninguén se decatara até agora que a rutina, os martelos, o tic-tac constante, o formigón, agochan un ramalazo estraño, son sensíbeis, teñen vida.

Como o tritón que agoniza entre a grisalla, ou o estertor —humanizado— de máquinas e bielas, o metal late, vive e desaparece. Podémolo recoñecer pola vibración, pola queixa, pola respiración. “As máquinas que por fin / un día paran / parecen voltar ao paraíso / pesado e puro / da vida mineral”. Porque nós mesmos somos metal, “do metal central do mundo”.

xulio@xulio.e.telefonica.es»

Publicado en El Ideal Gallego, en 13/09/2009

Chuzame! A Facebook A Twitter

Metal central na Feira do libro da Coruña

portada-metal-central-copiaDía 3. Luns
18.00 A feira dos nenos. Contacontos musical: Historias da fraga encantada, con Fátima e Servando Barreiro.
19.00 Presentación do libro O trasmundo de Antioquia, de Rafael Laso, publicado por Edicións Do Cumio. Xunto co autor, participará no acto o representante da editorial Cándido Meixide.
19.30 A escritora Elisa Vázquez de Gey asinará exemplares do seu libro La princesa de Kapurthala, puiblicado pola Editorial Planeta.
19.30 Os escritores Xulio Valcárcel (Lúa de xemas frías. Antoloxía de poesía mapuche), Alfredo Ferreiro (Metal central) e Luís G. Soto (O espíritu da letra. Nove achegas filosóficas a textos literarios), asinarán exemplares dos seus libros, publicados por Edicións Espiral Maior.
20.00 Conferencia do profesor Xesús Alonso Montero arredor dos seus libros máis recentes: Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948), publicado por Edicións Xerais de Galicia e Ramón Piñeiro ou a reinvención da cultura galega, publicado pola Editorial Galaxia.
21.00 O escritor Xavier Alcalá, presenta o seu libro Habana flash, publicado pola Editorial Nowtilus. Acompañarán ao autor os prologuistas das edicións en castelán e galego do libro, Marcelino Fernández Mayo e Francisco Fernández Naval.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Xosé Manuel Eiré fala de Metal central

Metal central, de Alfredo Ferreiro, por Xosé Manuel Eiré

En A Nosa Terra, 02/07/2009.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Ramón Nicolás fala de Metal central

metal_rnicolas2

Chuzame! A Facebook A Twitter