Un home na escuridade é unha obra de madurez, que só pode escribir un novelista que xa teña construído outras magníficas historias antes. Como é característico en Auster, a narración fascina por unha sublime sinxeleza, sustentada na escolla minuciosa das palabras e súa distribución no papel. A profunda reflexión sobre o ben e o mal, sobre a propia condición do xénero humano emana a cada momento da pel dos personaxes, todos protagonistas. Ao mesmo tempo é tremendamente interesante e lúcida a teorización sobre o xénero literario: a acción, a caracterización dos personaxes e a vocación literaria son habilmente escrutinadas sen necesidade dunha soa fórmula. Até o cantil dos puntos sen retorno, que transforman unha suculenta idea argumental nun zorollo inservíbel. Paul Auster, alén de demostrar que un camiño sen saída non é motivo suficiente para abandonar unha idea, permítese andalo até o final a aínda abrir a porta que atopa pintada nun muro. Quen senón el pode ser quen de nos convencer, cun pase de mans, de que un fío solto volve unirse ao novelo a que pertenceu por mor dun milagre?
Talvez non sexa este o libro de que máis goste o lector que non coñeza as súas obras anteriores, mais para os que o seguimos con devoción, Un home na escuridade é un xeneroso presente que, ademais de manternos en vilo durante tres ou catro horas, nos descobre moitos misterios do resto das súas novelas e da esencia dese personaxe chamado Paul Auster, escritor. Canto á tradución para galego, nada podo dicir. Tras agardar toda unha semana pola edición galega, a tentación puido coa vontade e merqueino en Anagrama.
Tati Mancebo
chúzame -
O supracitado post de Caneiro atinxiu máis de 70 comentarios, mais se non chegou a haber verdadeiro debate non foi pola súa causa. Se infelizmente o cualitativo na conversa no alcanzou grande altura foi debido ao ego dun dos intervinientes que tentou acaparar a atención de tal modo que as súas afirmacións de bar sobre autores e críticos caeron como unha manta de frustración sobre os comentaristas. Máis unha vez un ego desatado impediu o desenvolvemento de argumentos valiosos nesta ágora a todos aberta.
Creo que, a risco de perder intervencións, paga a pena en certos ámbitos sermos máis exixentes sobre a calidade dos contidos. A época en que calquera intervención, por interesante que sexa, poda ser esmagada polo ruído de quen máis potas bate, debe acabarse. Eu aposto pola calidade dos contidos, até onde eu chego a ver, e para ladrar ou lapidarse sobran sitios onde facelo. A min xa me chegan as pedras coas que o meu atrevemento me fai tropezar.
chúzame -
Veño de escribirme con Xosé Carlos Caneiro por primeira vez. As miñas espectativas era enormes, pois se trata do escritor a quen máis lle ouvín e lin dicir que unha das grandes necesidades deste país era a creación de debate cultural. No entanto toda a ilusión foi deitada no lixo na primeira ocasión. Aconteceu que, aínda que el se permite criticar todo o que se lle pon diante dos ollos, ante unha leve crítica de Martin Pawley sobre a calidade da lingua literaria da súa ultima novela, xa se puxo a repartir fungueirazos sen cesar. A a miña sorpresa por esta actitude foi absoluta, pois el é quen se reclama inouvido dinamizador do debate cultural. Escribinlle entón unhas liñas para mostrarlle o exceso da súa reacción:
«Señor Caneiro:
Vostede sempre di que non hai abondo debate cultural neste país, mais parece que encaixa mal as críticas negativas por pequenas que sexan. Esa é sen dúbida unha actitude pouco favorábel ao debate, e máis nesta ágora, onde tantos podemos falar case a un tempo.
Por outro lado, penso que o seu incomodo é excesivo para as palabras de Pawley quen, na realidade, só valorou o seu estilo literario. Cre que unha afirmación tan breve debe provocar en vostede tanta queixa, tanto lamento, tanta interrogante, tanta, en definitiva, verborrea emotivamente desmedida? Non me diga que vostede só viviu coa súa aboa até onte, pois todos sabemos que é un escritor recoñecido como poucos e que non deixa de prodigarse nos medios opinando das obras, dos pensamentos e das accións dos máis.
Aguante un pouquiño o tirón, señor Caneiro, é a miña recomendación, e permita que todas as afirmacións que deita nos medios ao cabo do mes podan ter algunha resposta dos seus ouvintes e lectores, aínda que non sexa sempre favorábel. O desexo de debate cultural obríganos, como mínimo, a este esforzo.
chúzame -
O poeta traballa coas sombras. Apaña as substancias que a memoria arquivou e con elas elabora unha visión do pasado. É, pois, avant la lettre, un artista plástico. As pedras da lembranza, aquelas que foron submetidas a decantanción polo transcurso do tempo, son os materiais con que a sensibilidade do poeta constrúe o texto. Deste modo os poemas deveñen sombras que o lóstrego da memoria proxecta no papel, pantalla oportuna, para o noso desfrute de espectadores: "Nunca / esquezamos a luz, a luz rarísima / que entraba polas fendas do faiado, / o que fica en min aínda lóstrego." En Vento de sal referénciase así a recuperación poética do pasado, do que en rigor só se alcanza a ver no seu perfil sombrío, imposíbel de revivir para alén de nun sentimento perenne.
Nesta liña rememorativa o libro ofrece flashes da infancia, da nai ("A miña nai quebrada, brinquedo de latón, / contra os muros do mar"), do pai ("Eu nunca chego a tempo / para darlle compaña nin xantar / a este home remoto / que di ser o meu pai"), das primeiras experiencias eróticas ("Ela era / azougue clandestino, un corpo que pasou / atravesando as órbitas da lúa"), das tardes de domingo ou os areais e os seus ventos que tiñan un valor obscuro para o rapaz sensíbel mais inseguro ("Non sei saír do vidro / derretido de agosto").
Logo dun imaxinario tan rico como este vén o oficio. A pericia que fai que Vento de sal conteña moitos outros versos que tamén han ultrapasar necesariamente a peneira do tempo: "Traba / con dentes de metal opaco a insidia / das industrias criminais do tempo."; "A cortiza dolorosa, o crecemento / animal das carabuñas"; "Peixes verdes en unánime desfile, dirixido / pola orde secreta / das vibracións do ar"... Son versos de máxima suxestión e corpo mínimo, condensación ben pouco habitual neste tempo de confesión íntima e narración superficial de experiencias en que o poético semella un capricho inxustificado para engordar o xénero literario. Porque para facer poesía non chega con ter vivido, senón que é preciso mostrar a Verdade do vivido como "un tremor de nostalxia sen volume". A tristeza, ese tópico pendurado do poeta, non é un capricho da Tradición senón un modo de aproximarnos do inaprensíbel: o noso destino é chegarmos a acordar o "perfeito suicida" que agarda por nós "no derradeiro andar". Aquel que acompaña o poeta desde sempre e do que este declara: "El deixou unha nota / que avisaba / da miña tristura."
Alfredo Ferreiro
[Sobre Vento de sal, de Xosé María Álvarez Cáccamo. Galaxia, 2008. Publicado en Protexta, suplemento da revista Tempos Novos, 7, verao de 2008]
chúzame -
O xoves día 7 ás 20:00, na Feira do libro da Coruña, partillaremos mesa con Xavier Alcalá o seu editor Víctor Freixanes e máis eu para tentar dar conta publicamente das moitas virtudes das súas novelas Entre fronteiras, Nas catacumbas e Unha falsa luz, as cais supoñen unha vasta, lúcida e moi ben escrita triloxía sobre a represión sufrida polos evanxélicos galegos a maos do fundamentalismo franquista. Contaremos ademais entre o público coa presenza da principal testemuña dos feitos narrados, don Manuel Molares, quen no seu día contactou o propio Alcalá para propoñerlle a literaturización dos esforzos e penalidades soportadas pola comunidade de crentes.
A. F.
chúzame -