«[...] Hoxe teño a honra de ver os meus textos publicados nesta louvábel editorial, se cadra con menos méritos que os que defenderon títulos anteriores. No entanto, teño que valorar o inspirado prefacio que escribiu François Davo para a ocasión, así como as sorprendentes ilustracións dun artista oculto para moitos nas Mariñas, Alberto Esperante. Tamén recuperei un deseño fantástico de Juan José Nieto que acompañou un texto meu nos noventa, cando a participación nun Bestiario da artesanal Edicións do Dragón.
Versos fatídicos é unha colectánea de poemas inéditos e outros agora versionados con moita liberdade, na súa maioría escritos en portugués ao longo de dezasete anos. Non entraron ningún dos publicados outrora nas antoloxías e nas reflexións críticas referidas á poesía dos noventa, se cadra debido a que a crítica considerou que a lingua os afastaba do sistema literario galego. Hoxe, tal como daquela, estimo que o galego é en esencia a mesma lingua tanto se escrito con grafía española canto coa histórica: a nai dunha lingua de proxección internacional irresponsabelmente desatendida na Galiza, e a filla pobre de si propia. Por iso, aínda a risco de non satisfacer de novo a ninguén salvo a min mesmo, decidín adaptar a grafía á mais comunmente usada no país, para tentar favorecer unha normalidade cultural pola que moitos nos esforzamos, e que as máis das veces resulta máis nominal do que real, infelizmente.
Ao mesmo tempo, anuncio con descaro que o libro ofrece unha variedade de temas, formas, estilos e intencións que me agrada tanto canto algúns amigos meus celebran. Porque as musas son moitas, tantas como os momentos de inspiración, e estes conceptos son tan necesarios para quen os defende como para quen os nega, se é realmente poeta, como afirmo na contracapa:
“Nunha época en que se valora tanto o monolitismo temático, ofrecemos agora un poemario miscelánico até o paroxismo. Son poemas xurdidos de arrebatos promovidos por esas musas que tantos aseguran non existiren, e mesmo por outras que estes seguros teóricos son incapaces de imaxinar. Musas fuxidías como a auga do mar e musas erguidas en pedra que resisten a maré dunha época en que a razón literaria nega o espiritual encanto se deita cada noite con el para poder escribir versos inspirados.” [...]» {Ler máis}
Vídeos:
GSG. Presentación do libro Versos fatídicos. Alfredo Ferreiro from MrEIDANPELIS on Vimeo.
Referencias:
- “Fatídico Ferreiro”, por Armando Requeixo.
- “Sobre os ‘Versos fatídicos’”, por Xosé Manuel Eyré.
- Miguel Sande opina sobre os ‘Versos fatídicos’.
- Dolores Vilavedra comenta os ‘Versos fatídicos’.
- ‘Versos fatídicos (1994-2010), de Alfredo Ferreiro’, por Ramón Nicolás.
- ‘Suscitar o entusiasmo con distintos alentos ‘, por Román Raña.






Comentarios