Nov
10
Xavier Alcalá: “Aquí o que se mira é de quen é a obra, non a obra”
Novembro 10, 2007 | 4 Comments
O día 24 de outubro Xavier Alcalá participou como escritor convidado na inauguración n' A Coruña do segundo ciclo de conferencias "Escritores na Universidade" organizado pola Asociación de Escritores en Lingua Galega coa colaboración das tres universidades galegas. Presentou o acto o reitor José María Barja e a seguir interviron a decana da Facultade de Filoloxía Teresa López e o directivo da AELG Henrique Rabuñal, todos se felicitando do inicio dun ciclo que pretende aproximar os escritores galegos dos alunos universitarios.
Alcalá fixo gala da súa sempiterna xuventude. Non só demostrando que permanece no seu espírito a mesma capacidade de reflexión e ansia de mellora persoal —así como do sistema literario— que o caracteriza desde hai máis de vinte anos (atrévanse os cerebros novos máis críticos a ler Tertulia (1985), "e verán o que verán"), senón tamén anunciando que está disposto a pór toda carne na grella da era das comunicacións. Para a divulgación da súa obra e exemplo perene perante as atitudes máis dubitativas, medoñas ou declaradamente pesimistas.
chuzame - Nov
4
Foro profesional da Acción cultural ‘07
Novembro 4, 2007 | 1 Comment
O día 20 do pasado mes, no Auditorio de Galicia e xusto na mañá da actuación de Santiago Auserón, asistimos a esta iniciativa da Dirección Xeral de Cultura e Deporte. Alí foron presentado os resultados do informe "As necesidades e demandas formativas dos profesionais da acción cultural pública en Galicia", encomendado pola propia Consellaría a un grupo de investigadores das tres universidades galegas. Alí fóramos convocados técnicos e xestores culturais de todo o país, coa idea de reflectir sobre o asunto, debater sobre as súas conclusións e valorar un avance de programa de acción institucional para enfrentar unha necesidade básica dun sector profesional que precisa consolidarse: a formación. Nesta liña, foi anunciado un programa formativo ambicioso (seminarios, simposios, obradoiros, visitas específicas a proxectos en curso, foros para a comunicación cultural e o contacto con creadores, uso de equipamentos culturais, etc) e descentralizado (variados serán os focos de emisión da formación) que nos concederá ferramentas para afastarnos dunha indesexada "cultura de fume", alicerzando a acción cultural en bases sólidas. Paralelamente, comeza xa a ser estudado un plan de titulacións que debería estar finalizado no prazo dun ano.
chuzame -




