Entre o 30 de novembro e o 2 de decembro participei no intenso V Encontro de Escritores Galegos que se celebrou no pazo de Mariñán e que tivo como título "Os Ámbitos da Tradución". Todo estivo organizado por Luciano Rodríguez a quen quero lembrar agarimosamente, pois no último momento non puido presidir as comunicacións por certos problemas de saúde. De tódolos xeitos o seu discípulo e amigo Xosé Manuel Fernández Castro, Pepes para os amigos, supliuno con toda dignidade. Os invitados presentes eran María Xosé Queizán, Tareixa Roca, Valentín Arias López, Henrique Harguindey Banet, Manuel Bragado, Manuel Cartea Gómez, Xulián Maure, Luís García Soto, Miguel Anxo Fernán-Vello, Miguel Pérez Romero, Gonzalo Navaza, Darío Xohán Cabana, Antonio Raúl de Toro Santos, Johanna Vocht, Marie-Line Heslon e eu mesmo. Escusaron a súa presenza Xulio López Valcárcel, de viaxe na feira do libro de Guadalajara, en México, e Francisco Pillado, tamén por un pequeno impedimento de saúde. O outono sempre fai estas falcatruadas.
A conferencia inaugural e os primeiros temas de debate foron servidos por Valentín Arias López, secretario da Asociación de Tradutores Galegos, tradutor de Camus, de Verne, de Rodari, de Saint-Exupéry entre moitos outros, premio nacional de tradución e lenda vivinte da nosa terra. Falou da súa experiencia desde o inicio da democracia e da autonomía galega, da importancia da tradución e da existencia de obras de autores estranxeiros verquidos ó galego como elemento esencial para crear e afondar na nosa tradición literaria.

Chuzame! chuzame -

O poeta turco Ali Rustam Çiçek (Kónia, 1918 - Istambul, 1978) é um grande desconhecido, mesmo no seu próprio país, pois não deixou uma obra de publicação regular. O único livro publicado em vida foi numa tiragem de pouco mais de mil exemplares, muitos do quais foram queimados pela represão kemalista. O seu título: "Velas, âncoras e lábios" era uma reivindicação absoluta da liberdade individual através do amor, levando a poesia turca além do formalismo e do decadentismo de influência persa. Compartiu cela com Nazim Hikmet, de quem parece ter recebido uma clara influência, ainda que ele nunca militou nem compartiu as suas ideias comunistas. Sempre considerou a Hikmet como alguém que estava muito acima da sua própria ideologia.

O poema que aqui apresento traduzido, graças à versão francesa de Gilles Fauquier, foi publicado numa revista de príncipios dos anos setenta e é um dos últimos poemas escritos pelo autor (os últimos cinco anos da sua vida deixou de escrever), quem faleceu em estranhas circunstâncias, afogado nas águas do Bósforo.

Chuzame! chuzame -

Marina Mayoral: «Tardo anos en escribir unha novela e escribo en galego e en castelán indistintamente. Cando estou en Galicia, nos veráns escribo en galego. Despois traduzo os capítulos do galego ao castelán e os que están en castelán ao galego. [...] Creo que [a narrativa galega] está ao mesmo nivel que o resto de Europa.»

Será entón que toda a obra galega de Mayoral é –no mellor dos casos– nas súas tres cuartas partes obra en castelán traducida pola autora? Só escribe literatura en galego no verán?

Chuzame! chuzame -

Propomos para este día, resaca de lumes internos e externos, o lavado ritual da face con este texto que nos envía François Davó, grande poeta, crítico perspicaz e temperado intelectual que temos a honra de contar entre os amigos. Desde hoxe, máis un valioso colaborador d' O levantador de minas.

[Dende un bosque preto de Domme, ao pé de covas habitadas na prehistoria, na beira do río Dordogne, François Augiéras observa os preparativos da noite de San Xoán.]

O crepúsculo loita e sae victorioso contra a feble noite. (…) O mundo é máis fermoso que de costume. Os Humanos non o ven, tan ocupados en edificar nunha praza unha fogueira, coa alegría dos verdugos preparando autos de xustiza. E como van estar ledos, tan covardes como son? Dende os bairros chega un rumor como de 14 de xullo; axiña un sacerdote virá abenzoar, santificar, tolerar… unha discreta festa en honor ao apoxeo das Forzas do mundo.

Chuzame! chuzame -

John AshberyJohn Ashbery naceu en Rochester, Nova York, en 1927. Pertence ao grupo coñecido como New York Poets. Posuidor de todos os recoñecementos reservados para os grandes poetas, agás o Premio Nobel, que se lle resiste ano tras ano. Ten publicado arredor de vintecinco libros de poemas. As súas influencias máis directas encóntranse nos textos de W. H. Auden, Wallace Stevens, Boris Pasternak e os surrealistas franceses. Ten sido comparado por Harold Bloom con Yeats e con Stevens. Os seus poemas son como unha xanela aberta ao fluxo dos seus pensamentos, de aí as constantes mudanzas de ritmo, de rexistros, de ánimo e de temas. En ocasións o tempo contráese e multitude de palabras sobreveñen para narrar unha milésima de segundo; noutros momentos concédenos a graza de comprender como fulmina unha era cunhas poucas palabras escollidas coa precisión dun ourive.

Traducimos Chinese Whispers, que dá nome tamén ao libro en que está inserido. O título fai referencia aos rumores e a ese xogo en que unha frase circula de boca en boca, e de oído en oído, entre un grupo de persoas sentadas en círculo, de modo que irremediabelmente acaba deturpándose, logo de pasar por todos os elos da cadea comunicativa.

TELÉFONO AVARIADO

E de alí a un bocado cedemos á presión:

Supuracións ad nauseam, o querer sermos máis altos,

malia que só sexa por sermos máis misteriosos, isto é, non máis altos,

como calquera árbore en calquera bosque.

Muda, a filloa descríbete.

Levaba pequenos números romanos incrustados polo borde.

Era un reloxo filloa. Facíanse naqueles tempos,

cada vez máis pequenos, por iso acabaron extinguidos.

Foi cen anos antes de que alguén se decatase.

O governador xeral

chamábao “sinuoso”. Mais nós, nós tiñamos outros nomes para el,

sabiamos que duraría moito tempo,

aínda que se extinguise. E tan certo como que as porras caen das árbores

sobre as entradas conxeladas, voltou de novo

cando toda lembanza fora expurgada

da mente común.

Todo o mundo quere probar un deses novos reloxos filloa.

Un noivo da vila do lado tiña un

mais atinadamente esquecía traelo sempre que o convidabamos.

Ao final os rumores viraron máis fabulosos que a realidade:

Seica levan incrustacións de madeixas de carpaza,

tan densas

que nin un príncipe na procura da Bela Adormecida podería entrar.

E aínda máis, hai moitos máis que cando estaban extinguidos,

Pero os prezos seguen a subir. Hainos nas Hespérides

e nas aldeas de chabolas nos límites do mundo coñecido,

azuis polo frío. Habíaos en todos os centros urbanos.

As cámaras escuras

tamén tiveron o seu momento aquel ano. Mais por que con tanta xente

a querer saber de que vai a historia ninguén dá atopado a receita orixinal?

Ao momento, a ninguén lle importa. Volvemos a ter detalles os uns cos outros,

a formar unha pequena vía para o tren a forza de pegar selo tras selo,

e outras cousas menos apreciábeis. O pasado fica esquecido até a próxima.

Como describir os anos? Algúns foron como bloques do máis pálido halva,

alleos a que os tocasen. Algúns deitaban o lixo dos outros,

tirábanse os ollos. Tirábanse moitos

antes de que ninguén se decatase, era como un claroscuro

de nubes a caeren.

Como eu devecía por volverte visitar naquela casa vella! Mais ti estabas xorda,

ou morta. As nosas cartas cruzáronse. Unha motora levábame alén

do baixío, as persoas na beira semellaban bonecos a manosearen cousas.

Aínda hai máis

que me vén á cabeza sobre os cans. Certo que unha sinxela aperta

dun peixe itinerante tería sido desprezada en certos tempos. Non agora.

Hai unha fame de anos na terra, as mulleres son lindas,

mais tamén vellas prematuras e gastas. Non mellora. Rochas semienterradas

en bandas de area, e maldicións espontáneas.

Bérrolle á porta principal do barco,

querendo ser máis alto, e nalgún punto no medio todo isto se perde.

Fun fantasma por un día. Os meus amigos leváronme con eles.

Sempre se acaba vendo que hai moito que salvar.

Os galiñeiros

non saíron flotando na inundación. As bordadoras volveron ao labor

con ganas. Todos os cerralleiros marcharan da vila á noite.

Acabou sendo unha bonita estación, primavera ou outono,

o ar era dixeríbel, os peixes anoados polo amor

nas súas padiolas. Si, e as viaxes

tamén eran palpábeis: alguén falara de gardar as aparencias

e as paredes eran unha miga demasiado azuis a media mañá.

Houbo algunha vez un tempo tal? Gustaríame tocarte como a froita

mazarte a beixos por iso, mais sempre hai algo que me detén:

a conciencia de que isto non é historia,

Independentemente das veces

que a sigamos tomando polo presente, que os titulares

anuncian a toque de trompeta todos e cada un dos días.

Mais detrás deste antiestético colexio, agora unha tenda

de encurtidos, coñécese e non se ignora a verdadeira natureza das cousas:

o teu é un voto como calquera outro. E hai fraude nas urnas,

cheas de encaixes de San Valentín e vaticinios de básculas automáticas,

dispensados con nobre caridade, como se isto puidese importarnos,

estas melodías

traídas polo vento

desde un realexo a varias millas de distancia. Non, non é o momento

de nos revelares o teu engano. Agarda a que a chuvia e a idade

nos teñan amolecido un bocado máis.

Entón veremos como de extintas

se volveron algunhas castes, como se erguen os anos

perante as súas descricións, por moi errados que estean,

e durante canto tempo fican no lugar os exércitos disoltos. Debo darche os parabéns

polo traballo de detective, como experto que son

en tupidos bordados, malia que non teña un título que mostrar.

As árbores, as estériles árbores, teñen sido descritas en máis dunha ocasión.

Sempre son máis altas, parece, e o río pasa a rentes delas

sen se decatar. Nós tamén somos máis altos,

máis altos os nosos teitos, máis pintadas as nosas paredes

con elocuentes frescos, as nosas eiras máis arexadas e borrosas,

segundo o tempo pasa e tece os seus breves enganos de modo intermitente,

un fío secreto.

A paz é un punto final.

E aínda que tivemos algunha oportunidade de saír do cerco,

agora só o tempo aceptará ter algo a ver connosco,

sen sabermos con que fin.

Chuzame! chuzame -

Raymond Carver (1939-1988): O home que comezou a escribir porque [...] no momento en que o que máis necesitaba na vida -chámese estrela polar - foime concedido xenerosamente.”
Carver entende que se poden escribir poemas “[...]sobre cousas e obxectos comúns e correntes usando unha linguaxe común e corrente mais precisa, e impartirlles a esas cousas -unha cadeira, unha cortina, un garfo, unha pedra, un brinco- un poder inmenso, incluso perturbador".
A crítica recoñeceuno pola súa prosa, máis que por uns feixes de poemas esparexidos arredor dos seus relatos. El sempre manifestou que escribía relatos nos descansos entre poema e poema.
Presentamos tres dos seus poemas traducidos do inglés de Todos nosotros (Bartleby Poesía 2006), unha ampla recompilación desta obra poética, en versión bilingüe, que inclúe os catro libros publicados por Raymond Carver.

TODA A SÚA VIDA

deiteime a botar unha sesta. Mais cada vez que pechaba os ollos,
había cirros cruzando o Estreito
cara ao Canadá. E as ondas. Rompían na praia
e voltaban de novo. Ti sabes que eu non soño.
Mais a outra noite soñei que asistiamos
a un enterro no mar. Primeiro fiquei asustado.
E logo cheo de pena. Mais ti
tocáchesme no brazo e dixeches: “Non, está ben así”.
Ela era moi vella e el amáraa toda a vida.

MADEIRA DE BALSA

Meu pai está á cociña perante unha tixola con miolos
e ovos. Mais quen ten gana de nada
esta mañá. Eu síntome feble como
a madeira de balsa. Alguén acaba de dicir algo.
Foi miña mai.. Que foi? Algo,
aposto a que ten a ver cos cartos. Farei o meu papel
se non como. Papá víralle as costas ao lume,
Estou nun burato. Non me afundas máis”.
A luz vén filtrada pola xanela. Alguén está a chorar.
O último que lembro é o olor
a ovos e miolos queimados. Toda a mañá
está no lixo, mesturada
con outras cousas. Algo máis tarde
el e eu imos de carro ao vertedoiro, a dez millas da casa.
Non falamos. Deitamos as bolsas
nun escuro morico.As ratas chían.
Asubían cando saen das bolsas podres
a arrastraren o bandullo. Voltamos ao carro
para ver o fume e o lume. O motor está prendido.
Sinto o cheiro do pegamento de avións nos meus dedos.
El olla para min cando levo os dedos ao nariz.
Logo fita ao lonxe de novo, cara a cidade.
Quere dicir algo e non pode.
Está a un millón de millas de distancia. Estamos os dous moi lonxe
de aquí, e aínda hai alguén a chorar. Foi entón
que comecei a entender como é posíbel
estar nun lugar. E tamén nalgún outro.

NA PROCURA DE EMPREGO (2)

Sempre quixen troita de montaña
para o almorzo.
De súpeto atopo un carreiro novo
para a fervenza.
Comezo a apresurarme.
Acorda,
di miña muller,
estás a soñar.
Mais cando tento erguerme
a casa abanea.
Quen é que está a soñar?
Xa é medio día, di ela.
Os meus zapatos novos agardan á porta.
Relucentes.

Chuzame! chuzame -