Set
28
Unha novela escrita por unha modelo?
Setembro 28, 2007 | 6 Comments
«Una novela escrita por la modelo Katie Price se convierte en un superventas en el Reino Unido: Una novela escrita con ayuda ajena por la modelo británica Katie Price, también conocida como Jordan, ha vendido más ejemplares que los seis finalistas juntos del Booker, el premio literario más prestigioso del Reino Unido. De Crystal , novela que trata de los esfuerzos de una muchacha por ganar fama como cantante gracias a un concurso de telerrealidad, se llevan vendidos, desde que salió en junio, 159.407 ejemplares. Por el contrario, las ventas de las seis novelas finalistas del Booker suman 120.770 ejemplares, pese a la campaña de publicidad de que han estado rodeadas. Crystal es la segunda novela de Price. De la primera, Angel , vendió 300.000 copias.» (La voz de Galicia)
Dicía eu hai uns días que non era un canibal, e iso era porque entendía o lector actual a ser tratado como un animal de consumo literario, estimulado tan só por emocións primarias elevadas á enésima potencia. Esas obras que son creadas para "ofrecer circo" a domicilio, unha maneira de atordar o povo similar ao cinema "de medo". Algo equivalente a substituír o deporte verdadeiro, que tanto contribúe á boa conexión de corpo e mente, por unha sesión de "puenting". Trátase de non suar, e sen esforzo físico subir as pulsacións cen puntos. A felicidade consiste no sentimento posterior a salvarse dunha morte inminente?
Algo similar acontece con estes produtos, froitos da enxenaría literaria máis comercial, auténtica aliaxe entre a psicosocioloxía e o márqueting.
chuzame - Set
7
Eu non son un canibal!
Setembro 7, 2007 | 1 Comment
"Prisión para o escritor que cometeu asasinato e levou o seu crime a unha novela": prescindamos por un momento do argumento desa novela. Sexamos capaces de esquecer o tema sanguinario que se nos presenta, e pensemos por un momento que pode ser substituído na nosa cabeza por un argumento de novela rosa, de fábula ou de familia azucarada e feliz que no final atopa o canciño perdido. O caso é que a novela usa un argumento copiado da realidade, transcrito de tal modo en palabras que sobresae fundamentalmente polo seu realismo debido á profusión de detalles nos motivos máis inesperados. É iso o que o lector valora, —e agora voltemos ao tema da noticia— xunto coas historias escabrosas, é claro.
chuzame - Xun
12
Aos 16 sorprende o mundo editorial?
Xuño 12, 2007 | 3 Comments
La Voz de Galicia (disculpen se poden a pésima versión galega que ofrece este xornal): "Un xaponés de 16 anos sorprende ao mundo editorial cunha novela sobre acoso escolar (Firma: Tomás García Yebra | Lugar: madrid)
Ten 16 anos. Chámase Isamu Fukui. Vive en EE. UU. Os grandullones do instituto Stuyvesant de Nova York fixéronlle a vida imposible e xurou vingarse. «é máis intelixente escribir un libro que coller unha metralleta», argumenta. Cando comentou a súa intención de relatar as súas vivencias, os grandullones ríronse del e déronlle algún que outro mamporro. Os seus pais, antes de que escribise War Boys lle regañaban porque non estudaba. Agora, coa aparición do seu libro en España e a súa próxima publicación en EE. UU., Alemaña e Italia, ponlle ojitos. Xa non é un vago. é un xenio.«Nunca fun un estudante modélico», confesou Fukui. «Para min os estudos son unha parcela máis da vida, pero non a principal», argumenta. Ler, o que se di ler, só leu a Tolkien, pero non O señor dos aneis, senón un volume de notas. «Neses comentarios aprendín como se constrúe unha novela», confesa. As súas fontes de inspiración foron as súas vivencias. Para relatar as escenas de acción botou man dos videoxogos. War Boys desenvólvese nunha cidade imaxinaria que se identifica con Nova York. O protagonista é Zyid, o líder da banda, que nunha pasaxe di: «Todos os días condúcennos como gañado ás aulas para obedecer e finxir respecto. Pero esta noite os war boys cambiarán o programa. Esta noite, amigos meus, mostrámoslles o seu gran fracaso, o fracaso de someter á nosa xeración»."

Esta noticia suscita un feixe de preguntas: Un rapaz de 16 anos sen lecturas pode suplir con talento (?) toda a pericia (!) que se precisa para escribir unha novela? Ter imaxinación é suficiente para escribir unha novela? É suficiente a sabedoría que fornecen os traumas da vida cotidiana para atopar contidos eficaces para un texto artístico? É suficiente ter "algo que contar" para construír unha obra literaria?
A cuestión de se hai unha idade mínima para facer literatura ten unha resposta fácil: nin máxima. Rimbaud aos 18 xa tiña escrito aquilo que pretendía dicir en poesía, así que puido dedicarse a partir dese momento a unha profesión de risco como o contrabando: a inmortalidade estaba asegurada. Ora, percibo a existencia de escritores sen lecturas (?!) como un tema que comeza a ser recorrente. Segundo parece a experiencia cotidiana de calquera individuo minimamente traumado, se contada directamente polo protagonista, non precisa de ningún coñecemento da tradición ou antitradición literarias. O que teñan escrito outros non interesa, os mestres non existen, as obras anteriores non inflúen a quen ninguén recoñece de facto como predecesor.
Mais... repasemos a noticia cando di: "Para relatar as escenas de acción botou man dos videoxogos". Agora comprendo onde o rapaz aprendeu a estruturar un relato, para alén dun único libriño de Tolkien, por explícito que sexa; onde coñeceu modelos sobre o desenvolvemento das narracións de aventuras; como interiorizou a descrición psicolóxica das personaxes en contextos bélicos; como puido, en definitiva, familiarizarse co "abecé" da narrativa. Como aproveitou toda a "literatura" que tiña aprendido até o punto de sorprender os editores, sexa isto o que for.
É evidente que moitos dos mellores especialistas en Teoría literaria están a traballar onde realmente se gaña diñeiro: a industria do audiovisual. Ese espazo de comunicación artística en que o experimentalismo "fluflú" e de valor autoalimentado non dá un céntimo porque non se apoia en nada semellante ao que os vellos teóricos chamarían universais emotivos ou algo semellante. Que barata vai a vangarda nestes tempos en que a tradición é ignorada!
PS: O autor presentou a novela este 8 de xuño ás 13:00 horas nas FNAC de Barcelona e Madrid ao mesmo tempo, mediante o don da ubicuidade que posibilita unha videoconferencia desde Nova Iorque.
chuzame - Out
8
A concepción da poesía de Jaime Gil de Biedma (1929-1990)
Outubro 8, 2006 | 3 Comments
«La poesía moderna es una tentativa desesperada de Salvación personal. Es exactamente [...] una contradicción. Es pretender conseguir a través de la poesía algo que la poesía no puede dar y que la situación actual de la conciencia de un hombre moderno no puede conseguir más que en el terreno de la estética, es decir: la resolución estética de conflictos personales que en la vida práctica y en su vida intelectual no tienen solución.» Jaime Gil de Biedma, Leer poesía, escribir poesía. Madrid: Visor, 2006.
Moitos son os temas de interese fulcral para a poesía e, por extensión, a arte modernas que Gil de Biedma trata nesta edición en dúas conferencias agora editadas. O tema da salvación, referido na cita acima, representa en carne viva a “traxedia da modernidade” no sentido en que a caída dos deuses, o antropocentrismo do pensamento científico e a preeminencia do mundo material deixan sen saída práctica as ansias de transcendentalidade, porque nada hai alén da putrefacción final da carne e a reacción química que comporta. Perspectiva ben distinta da do “novo esoterismo”, chegado através de narrativas de temática máxica ou templaria, entre outras, que recuperan a visión Tradicional da vida como un camiño de melloramento espiritual que conduce ao verdadeiro Coñecemento, de carácter iluminativo.
Recalca tamén que a poesía implica por igual escritura e leitura do poema. Concede unha importancia patente á recepción, e marca a relevancia da pericia do leitor.
E define “poesía da experiencia”, datando o seu nacemento no século XIX, no seo das obras dos románticos. Afirma que esta se refere máis a unha forma de crear que a un repertorio de temas. Trátase para el de crear o poema de tal forma que o leitor perciba o proceso de nacemento do poema de forma palpábel; non partindo dunha idea preconcibida, senón ofrecendo a recreación dunha suposta experiencia vivida no presente, coincidente coa creación mesma, e non posterior.
Propoño, para este ano, a leitura do poema Apología y petición.
chuzame - Ago
8
Sobre o sistema literario galego
Agosto 8, 2006 | 3 Comments

Cando falamos do sistema literario en rigor debemos contemplar os factores das manifestacións socio-semióticas ou culturais: o produtor, as institucións (axentes de control), o repertorio (regras e materiais culturais), o mercado (que permite a transmisión), o produto e o consumidor. Neste sentido, e aplicado á reflexión sobre o mellor modo de valorar aqueles produtos literarios que idealmente poidan elevar a literatura galega até o maior recoñecemento internacional, deberiamos apoiarnos no concepto de repertorio. Así, recoñecemos que existe na actualidade un sistema literario galego en que conviven ao menos cinco repertorios:
1. Repertorio español en castelán.
2. Repertorio universal en castelán.
3. Repertorio galego.
4. Repertorio universal en galego.
5. Repertorio lusófono.
O primeiro e o segundo atópanse en posición preponderante, e o terceiro e o cuarto constitúen alternativas que loitan por chegar a ocupar o lugar principal dentro do sistema literario galego. Reparen no que isto implicaría: en galego leríanse os principais autores estranxeiros ao tempo que os autores de máis fama serían un bo grupo de galegos de grande recoñecemento, e o mercado estaría ocupado na Galiza nesta demanda abafante. A maiores, a alta competencia en castelán dos consumidores do país favorecería as vendas do libro en castelán, mais en franca desvantaxe.
Desde logo, o interesante da reflexión é intentar imaxinar que precisa a literatura galega para continuar mellorando a súa consideración, e aínda dun xeito definitivo. Algúns pensarán que o verniz “indixenista” do repertorio pode ser fundamental, mais isto non acostuma ser suficiente. A cuestión estriba en que o repertorio galego, é dicir, as obras que constitúen a carne da literatura erguida, propoñan opcións que doutro modo estarían excluídas. En termos de moderno sistema de xestión, que implique e lle sexa inherente, polo que teña de galega, un valor acrecentado concreto, recoñecíbel, rendíbel para a o individuo e por tanto para a sociedade. Só entón a aceptación deste repertorio sería inminente.
Ao mesmo tempo, os valores apreciábeis como positivos e catalizadores dunha nova tomada de conciencia nos membros da sociedade... en que se apoiarían realmente? Ninguén pense nun falso idealismo, como apoio devoto e xeral nin nos poderes de manipulación intereseira dun grupo de individuos con poder institucional, público ou privado. E tampouco na simple creación dun estado, pois existen casos, como o de Bélxica, en que o sistema literario fai parte do holandés, por unha parte, e do francófono, por outra.
Evidentemente, estes procesos dependen do modo en que son xestionados os factores antes aludidos do sistema cultural: dos intereses das institucións e do mercado, desde logo, que tamén dirixen as expectativas dos consumidores, mais especialmente dos produtos, como viñamos dicindo. E aquí defendemos de novo, como o Ramiro Fonte do post anterior, que dispomos dun repertorio á beira, o lusófono, facilmente integrábel no sistema literario galego, perspectiva desde sempre defendida polo lusismo aínda que como algo secundario a respecto dos criterios lingüísticos. Un repertorio que podemos facer complementario do noso con grandes beneficios: fornecendo unha lingua literaria aproveitábel, por exemplo, polo que ten de galaica, e compensatoria polo que a lectura perpetua en castelán ten de alienante.
A literatura galega debe atopar o seu filón, a febra caudal que nos atravesa emotivamente e que pode alimentar a fame que tantos sentimos culturalmente, e isto en literatura pasa tanto polo imaxinario canto polo estilo literario. Outros antes que nós fixeron que até aquí chegásemos, mais o presente non é suficiente. Non temos que citar a Manuel Antonio de novo para expresar o desexo actual de tantos. A modernidade que este século precisa virá marcada pola tecnoloxía, a da comunicación e a do márqueting, a do control da aldea tamén local, e a forza centrífuga que nos move irremediabelmente debe ser desviada ao centro do noso desexo máis positivo, para que nos alimente da enerxía necesaria.
chuzame - Xun
11
Narracións abertas
Xuño 11, 2006 | 1 Comment

Ligo desde o blog do Sr. Brétemas cara a un artigo de Juan Freire sobre as “narracións abertas”. Concordo co primeiro que este tema é ademais de fascinante tal vez o punto fundamental para entender os xéneros narrativos modernos. Mais co segundo pouco concordo, e menos aínda con algún dos artigos que deron pé ao seu.
Por exemplo, o artigo de Xavier Bru de Sala Contra el argumento defende que:
a) no contido dunha narración poden distinguirse o “argumento”, en esencia reducionista, enganoso e falseador da ficción, “situacións”, que son a verdade mesma e “frases”, que constitúen o que se di e o que se fai (supoño que se refere ao que din e fan as personaxes);
b) os argumentos son prescindibles, como ocorre na ópera, en que se pode gozar esquecendo a relación que existe entre a emotividade da personaxe e o punto do fío argumental en que se atope;
c) é mellor ser protagonista que receptor, e iso conséguese evitando ser atrapado pola peripecia argumental;
d) o escritor de hoxe debe “construír frases (no amontonarlas), bien encajadas en situaciones”;
e) os argumentos son nocivos porque confunden innecesariamente, enganan o receptor, e como xustificacións apunta que o da Odisea foi ridiculizado por Joyce no seu Ulises, que o de Hamlet é inescrutabél universalmente (até o foi para o autor), tal como acontece co Quixote e a Biblia...
En fin, é difícil demostrar máis claramente que en lugar de cranio ten unha cocteleira (como a que el mesmo cita), con ben poucos licores, mal identificados e mesturados sen criterio. A saber:
a) unha narración constitúe ante todo unha mensaxe cun nivel de estruturación complexo en que a existencia dun argumento, unhas “situacións” (podemos tentar seguir os seus conceptos) e unhas frases se debe ás diferentes camadas dos contidos: o nivel do mundo creado, a concatenación de situacións experimentadas por personaxes e as intervencións dos mesmos en cada unha delas. Como poderíamos opinar que o que realmente importa dun edificio de oficinas é a sala de reunións ou as cadeiras que rodean as mesas de traballo, e que debemos desprezar o servizo xeral que debe dar para o traballo que vai albergar? Acaso o argumento non é a peza principal do que se di nunha obra, en sentido global? Non están aí os sentidos éticos, morais, ideolóxicos? Fálanos do mesmo unha obra en que unha conduta reprobábel nunca é castigada e outra en que o esforzo dun corazón amábel só padece amarguras? A narración é un mundo construído para ser comparado con real, co real tal como cada receptor o distingue, e os bos escritores intúen de que modo todos participamos do real, e nese territorio común enlazan os argumentos. Parte da arte de chegar ao grande público necesariamente debe estar aí: na eficacia en presentar na súa obra a subxectividade común de moitos lectores. E se isto acontece cos argumentos, o mesmo sucede coas situacións: é requisito do éxito construír “situacións” novas ou vellas mais renovadas, orixinais, que conten o de sempre co verniz brillante do nunca visto; e coas “frases”, para xa situarnos no nivel do estilo: que as personaxes falen como lles corresponde para non afectar á verosimilitude, que o narrador sexa visible ou invisible, poético ou aséptico...
b) na ópera os argumentos son prescindibles para quen non se esforza por atender a todo o que se lle ofrece, como se un pretende escoitar unha banda de música municipal e decide que non lle interesa atender a percusión, ou a se a peza que acompaña a procesión da Santa é un pasodobre;
c) os protagonistas non poden deixar de selo, mal que lles pese, e senón que llo pregunten a algunha personaxe de Unamuno;
d) estou dacordo en que as frases non deben aparecer amontoadas, senón requeridas polas “situacións”, mais tamén penso que estas últimas deben estar organizadas segundo as necesidades dun argumento, se non se quere que a narración se disolva nas mans impacientes do lector;
e) pode ser que algúns argumentos sexan difíciles para nós, mais non por iso podemos asegurar que o sexan para todos, inclusive para os seus autores.
Juan Freire continúa despois pola súa conta e recoñece nos videoxogos a organización narrativa da literatura do futuro, polo que atopa de aberta nela. Agora ben, o que ten de xogo fai que sexa aberta, porque precisamente é un ensaio de destreza por parte do xogador, que non é un receptor, senón un actor. A resolución das probas ofertadas non pode estar resolto de antemán, do mesmo modo que un partido de tenis non se celebraría se xa se soubese o resultado. Agora ben, se o discurso do tempo de xogo non é unha narración, as aventuras gráficas teñen con frecuencia un guión baseado nos argumentos da narrativa de aventuras. Desde logo, nestes casos existe unha enxeñaría da narración que preveu os camiños posíbeis do argumento, as alternativas das “situacións” e os modos de intervención das personaxes. Neste sentido, é certo que o xogador ao tempo que é actor ou “deportista” tamén é receptor dun mundo creado. Mais de todos modos a historia acabará así ou de outro modo, e sempre segundo o final que ofreza poderá dar lugar a un sentido determinado do que se quere contar. Porque a indeterminación no argumento presenta unha lagoa insalvábel na interpretación da obra no sentido da concepción do mundo literaturizada, a non ser que sexa a propia inconclusividade ou a fragmentariedade da percepción da realidade o que precisamente se queira sinalar.
Ao fío disto, a similitude no ámbito político de estratexias de goberno con posibilidades improvisadas me parece un pensamento infantil. Se algo non se pode permitir no ámbito político, estando como está ao servizo da xestión dos recursos económicos da sociedade, é ser incontrolado, impredecíbel... Aínda que sexa moi interesante a posibilidade de simular eses efectos para convencer da existencia dun sistema realmente democrático.
chuzame -




