«Estabamos almorzando e non foi propositado senón in media res, como tantas veces.
-Eu sei que no mundo hai máis mulleres que homes.
-Si, que é certo. Poucas máis pero é verdade, pelacha.
-E sabes como o souben?
-Mmm, dixéroncho no cole?
-Non, pero vexo que no parque sempre hai moitas máis mulleres que homes.
-Tamén é certo pero é por dúas razóns: hai máis homes que mulleres que traballan fóra da casa, e ademais, normalmente aos papás gústalles menos ir ao parque que ás mamás.
-Ah.
-Hoxe é o Día da muller.
-Ah, si? Pero quen o decidiu?
-Creo que os gobernos de moitos países. (agora sei que foi a ONU)
-E cando é o Día do home?
-Que eu saiba non o hai.
-Por que?
-Porque o Día da muller serve para lembrar que hai moitísimas mulleres que viven en situacións peores que as dos homes, con menos dereitos, gañando moito menos polos mesmos traballos…
-Pois iso non pode ser! Temos que estar mellor que os homes! MOITO MELLOR!
-Non, muller, o bo é que todas as persoas teñamos os mesmos dereitos de verdade, pero para iso aínda falta moito.» {Tati Mancebo}
«Jaume Cabre: “P: Como filólogo y escritor en catalán, conocedor de la situación lingüística en los diferentes territorios que lo hablan, ya sea el País Valenciano, la Franja, Cataluña o las Islas Baleares, ¿cómo ve su supervivencia como lengua frente a lenguas imperialistas como el castellano o el francés?
R: Lo veo francamente mal. En el País Valenciano el proceso de substitución, en parte acelerado por una voluntad de carácter político, convierte la situación de la lengua en algo dramático. Ahora en las Baleares quieren también atizarle. Pero la supervivencia de una lengua, a parte de las agresiones externas, se alimenta sobre todo con el uso natural cotidiano y público.” (“Yo confieso”, Entrevistas Digitales en EL PAÍS)» {Jaume Cabre: Yo confieso | Tati Mancebo}
Eis os problemas da lingua galega:
1. Nivel individual: Unha lingua non se usa cando non é útil
2. Nivel nacional: Unha lingua é inútil cando non é necesaria (para comer)
3. Nivel internacional: Unha lingua é innecesaria cando non ten mercado (lusófono)
Esta obra case lendaria de Enrique Vila-Matas pareceume un deses licores que sempre desexo ter perto, para aqueles momentos baixos en que é preciso reencontrarse co saber intenso da boa literatura. Trátase dunha noveliña que se apoia no aspecto formal no ensaio e argumentalmente constitúe unha sorte de investigación sobre un colectivo de acción artística. Con certo tinte surrealista, a obra refire actuacións e encontros de reputados protagonistas como Duchamp, Scott Fitzerald, Walter Benjamin, César Vallejo, Rita Malú, Valery Larbaud, García Lorca, Pola Negri, Berta Bocado, Alberto Savinio e Georgia O’Keefe, todos estes ben mexidos e maxistralmente temperados cunha lingua literaria saborosamente destilada. Constituída a sociedade secreta, para facer parte dela había dous requisitos imprescindíbeis: a obra do artista debía ser portátil; a outra era que este debía funcionar como unha auténtica máquina solteira. Aínda que non imprescindíbel, era recomendábel posuír certos rasgos especificamente shandys: sexualidade extrema, espírito innovador, ausencia de grandes propósitos, insolencia, convivencia tensa con o duplo, simpatía pola negritude e nomadismo infatigábel.
Porén, a lectura desta obra tróuxome á memoria o que sen sabelo puido ser un incipiente grupo shandy galego, alá polos 90, apenas cinco ou dez anos despois da primeira publicación da História Abreviada da Literatura Portátil (Porto: Campo das Letras, 2006). Éramos sete poetas: José António Lozano, Pedro Casteleiro, Mário Herrero, Tati Mancebo, François Davo, Luís Maçãs e quen isto agora lembra; contábamos ademais co apoio inestimábel de Dulce Fernández e con o albergue inigualábel da Agrupaçom Cultural O Facho. A nosa creatividade frenética durante as noites de case unha decena de anos pola Coruña adiante deu como fruto visíbel un libro denominado 7 poetas. Na capa podía verse unha foto en negativo da Torre de Hércules, facto que para min sempre singnificou a “reapropiación lexítima do símbolo herculino”, furtada, como toda a cidade, á cultura galega polo alcalde Francisco Vázquez.
Pois ben, editamos o libro no cuarto da miña casa e imprimimos tan só 200 exemplares, 150 dos cais foron enviados a institucións e persoas relevantes. Despois de varios meses, poucas persoas nos tiñan acusado recebemento: Biblioteca González Garcés da Coruña, Biblioteca Municipal de Narón, Luciano Rodríguez, Xosé María Monterroso, Xosé Lois García, Cesáreo Sánchez, Francisco Fernández del Riego, Kathleen March, Vergílio Alberto Vieira, Miguel Anxo Fernán Vello e, das terras interiores da Goiânia, o brasileiro Gabriel Nascente, de quen recibimos unha fermosa nota de xornal que aquí por primeira vez reproducimos.
Lembro que na altura eramos ben conscientes da nosa singular posición político-cultural, que sempre poñiamos atrás das maiores ambicións poéticas, as cales tiñan evidentemente moito máis a ver cun gnosticismo fortemente intuído do que co pacato éxito editorial. Neste cadro, a ninguén pode sorprender de que modo intestino celebramos a publicación da obra: en lugar de organizar unha presentación pública decidimos reunirnos nós mesmos nun lugar afastado á beira dun río e comer e beber xuntos á saúde dos lectores do noso libro, naquel momento ignorantes da báquica homenaxe que lle estabamos a dedicar.
Por esta actitudes e por outras consideracións que paso a refenciar eramos, sen sabelo, unha sorte de clube shandy, a saber: a) a obra do poeta debía ser invisíbel, e para iso nada mellor que escribir o galego con grafía portuguesa, que aínda que histórica, filolóxica e romántica é a máis desprezada polo poder neste país, e por tanto inoperante no permanentemente incipiente mercado literario galego; b) o poeta debía funcionar como unha máquina solteira, o que sin excepción se concretizaba en que política e poeticamente non nos casabamos con ninguén, e implicaba, por outra parte, que non contásemos con padriños. Nunha ocasión en que estes si quixeron aparecer, o seu apoio viña condicionado a que expulsaramos do libro colectivo o François Davo, para dar lugar a unha obra coruñesa sen contaminacións exóticas. No entanto, se o François non estaba no grupo para atribuírmonos un marcado carácter internacional, interesante se quixésemos vender unha marca, tampouco había de restar coruñesismo ao proxecto. A poesía estaba por riba de todo, como unha ponte que salva o superfluo e une o esencial.
A maiores destas características, outras nos marcaban en diversa medida: espiritualidade extrema, afán innovador, ausencia de grandes propósitos editoriais, anarquismo, creación en grupo, simpatía pola lusofonía e nocturnidade infatigábel. Por todos estes motivos, e aínda por outros que esquecín ou non me atrevín a lembrar, puidemos ter promovido, sen sabelo, unha secreta conspiración literaria, o que se cadra nos haberá de inspirar para o resto das nosas vidas.
«Desde hoxe e até pasado mañá pode seguirse en directo FOCUS 2011 O libro mañá: o futuro da palabra escrita. Sorprende en principio que só sexamos 15 os espectadores ás 11:20 da mañá pero claro, se non podes participar, xa non digo enviar preguntas que reciban respostas, senón gozar dunha canle de comunicación entre os interesados, o streaming non ten tanta graza e resulta máis simple agardar a que remate e recibir as opinións das testemuñas directas que recollan o que lles pareceu máis interesante ou as conclusións que lles suscitou o encontro a través de hashtags e blogues.
Moitos queixámonos de que non recibimos información suficiente dos medios, arrepiante o caso das últimas protestas gregas, queixámonos de que os medios non fan o seu traballo, queixámonos de que os conferenciantes nos foros internacionais non elaboran análises cientificistas sobre os distintos aspectos da evolución cultural, senón que simplemente xustifican ou condenan situacións en función do lobby que representan.
E só somos 16 agora os que estamos a seguir o debate na UNESCO sobre o futuro da palabra escrita? Pois o futuro está claro entón, e coincide co que eu penso, que o cambio dunha “lectura profunda” a unha lectura fragmentaria” do que tanto se fala non é tal, que o que está a pasar é que estamos a deixar de ler. Si, lemos moito máis que hai anos os que pasamos moitas horas diante dun ordenador mais, ou moito me equivoco, ou a lectura lineal, letra tras letra, está en franca decadencia, aínda que a maioría da xente non o perciba: un mercado insustentábel, novas narrativas que queren deixar de ser simples experimentos, confluencia de dispositivos, xéneros, formatos. A nova literatura son as moitas vidas, os moitos personaxes que cada individuo vai vivir dun modo cada vez máis realista. Pero alguén pensou algunha vez que a novela escrita con caracteres, era un xénero perfecto, que atopou o canon hai uns cantos séculos e que, suxeita a actualizacións temáticas e formais, era realmente un formato eterno? Que era a mellor representación inmaterial dunha historia? Non haberá ninguén tan iluso, non? Porque o que está a vir e veña, seguirá a ser novela sempre que sigamos a chamala así.
Uau! 24 espectadores ás 11:45 AM!» [Vía Tati Mancebo]
Prólogo de Tati Mancebo: « Paula Gómez del Valle é a fotógrafa do aire que surcan as gaivotas, das conversas dos caracois. Só ela é capaz de atrapar a muller que é invisíbel aquí e onde queira que vaia, porque só ela é a conciencia da cor nos ollos de quen mira.
Paula desvela os Elos que conectan obxectos, temperaturas, sabores, texturas, entidades, molduras de diversa natureza, os mundos que se desatan entre os pelos dos fociños de quen non se sabe retratado ou na sopa da sopa, comesta polo tempo.
Paula abre os nosos ollos ou enfoca as nosas vistas inexperientes para cousas que só alcanzaremos a ver nas súas fotografías. As súas fotos son así lentes máxicos, con que nos agasalla para ela ter con quen partillar o seu gozo: un brillo único que precisa dunha garrafa ou dun violín onde pousar, para deixarse atrapar por quen ten a capacidade de o ver, un brillo como ser etéreo na procura de ollos activos que lle concedan unha identidade bidimensional; esas historias entre liñas ou as fotos dos espazos entre foto e foto, a vida a morrer nos dentes do allo que devén condimento; o encerro como garantía de seguranza para os ovos, no mundo hostil das superfícies planas e finitas.
Paula retrata a terra para contarnos o que hai debaixo dela, as medusas para lembrarnos que temos os pés sobre a terra da que antes falou, as cores do día, que só se poden lembrar ben cando retemos as imaxes en branco e negro e nos obrigamos a facer un exercicio de reconstrución.
A única nota de cor, que calquera pode ver, é a metáfora do tempo en Galiza e da nosa convivencia e connivencia con el, que permite rir, ao tempo e a quen olla, dos fabricantes de paraugas, que de certo han de vir de terras secas de ventos constantes.
A luz non habita esta Galiza permanentemente, só entra e sae de cadro, das casas, das paisaxes… e cada nova xeración de relva alucina co que a arrodea e que aínda ninguén lle contara.
Galiza, e sobre todo Galiza, porque Galiza é grande e pequena, é antiga e moderna, é seca e húmida, é amábel e dura, como se nos descobre e nós mesmos nos descubrimos nestes elos.
Elos é tamén un diálogo aberto entre a imaxe e a palabra, ou entre a palabra visual e a palabra escrita, onde François Davo, Txiki Calvo e Rodrigo Varela toman o papel de interlocutores, de primeiros destinatarios das mensaxes da medium, cuxos testemuños se recollen e dan unha nova dimensión aos retratos do invisíbel de Paula. Eles, os seus textos, son a proba viva e mutante do que acabo de describir, unha mostra das voces que se axitan detrás das imaxes, unha escolma do balbordo que subxace en todo pedaciño de mundo, en todas as súas representacións, en calquera das entidades que o conforman e que o definen.»
Nota: Edicións Morgante, 2011. Fotografías de Paula Gómez del Valle con prólogo de Tati Mancebo, e textos de Txiki Calvo, Rodrigo Varela e François Davo.
Queridos netos,
Escribímosvos desde 2011, un ano que tedes e teredes escoitado mencionar moitas veces. Até hai poucos días España era un estado chamado democrático porque a cidadanía escollía os que se facían pasar polos seus representantes cada catro anos. Eran tempos en que as grandes empresas mandaban sobre a vontade da xente; poñían os políticos que lles petaba e facíanos bailar ao son das súas melodías. Houbo unha crise financeira que daría para outra carta, os índices de desemprego subiron, a xente comezou a perder as súas casas, a ter que traballar cada vez máis horas para gañar menos que antes, e chegou un momento en que o descontento e a necesidade foron tan grandes, que a xente comezou a organizarse para solucionar o problema que a todos parecía prioritario e que posibelmente era o único punto que todos tiñan en común: acabar coa corrupción en todas as súas variedades a través da creación dunha nova organización social fundamentada na xustiza, antes que na disciplina de voto ou na ambición duns poucos.
Esa xente organizouse como non fora posíbel ter feito moito antes, probabelmente non vos soe de nada nin Twitter nin Facebook, mais crede que en 2011 foron cruciais para a organización humana. Uns ocuparon os espazos físicos, outros facilitaron as comunicacións, outros colaboraban co que a organización, verdadeiramente democrática, lles solicitaba en cada momento. Por primeira vez nos sentimos directamente conectados a tanta xente ao mesmo tempo. É preciso sentir as conexións para ter un mínimo de empatía con tantísimas persoas que non vas ver en toda a túa vida, pero si que a sentimos, aínda que fose precisa unha revolución para que así fose. Entón a xente traballou intensamente para todas as persoas tivesen o máximo grao de decisión posíbel, e déronse conta de que, para conseguilo, era imprescibdíbel organizárense en comunidades pequenas, onde todos poidesen sentir a calquera dos membros como o viciño da porta do lado, e que a rede facilitaba, como non, a organización en rede, todos conectados con todos, mais decidindo cadaquén sobre o seu radio de residencia.
E funcionou.
Por suposto, e vós sabédelo, o sistema non é perfecto, mais todos coincidimos en que os alicerces son os mellores, e que é cousa de tempo ilo mellorando, repintando, cubrilo de enfeites en mantelo a punto a base de usalo, de participar, de vivir en harmonía cos que nos rodean, de axudar e de saber aceptar axuda, en definitiva, de sermos felices distribuíndo os recursos segundo as necesidades porque somos quen de sentir que a felicidade dos outros redunda na propia.
Tede paciencia coas nosas batalliñas; non é só que para nós sexan tan importantes. Sentimos a responsabilidade, por se for preciso, de lembrarvos que debedes tomar as vosas decisións, que non hai minoría que, a longo prazo, sexa quen de dominar unha maioría se esta non quere ser dominada. Nunca esquezades que non queriamos para vós o mundo que estabamos a construír e decidimos cambialo por un máis xusto e comprobamos que era posíbel, que sempre é posíbel, que as persoas xustas e boas sempre son moitísimas máis que as malas, por moito que vos cheguen a dicir. Lembrade isto sempre. (Vía Tati Mancebo)
Olark Livehelp
|
Premio AELG 2011
|
Comentarios