Elipse, revista literária galego-portuguesa

Vivemos tempos de incerteza devido ao rijo desamparo a que nos sometem os poderes fáticos, mais comprometidos com a gestão privada dos bens públicos do que com uma democracia digna de tal nome. As gentes sofrem e calam, choram e calam, trabalham por menos e vem minguar o pão na mesa, e por enquanto ainda comem e calam. Permanecemos aturdidos por uma triste realidade imposta desde a cima, como se de uma aterragem extraterrestre se tratasse, enquanto persistem inércias de cómodas épocas que logo haverão de virar tópico de papel couché, inércias que nos imobilizam enquanto a nossa sociedade, aquela que nos deu as merendas e nos mandou à escola, é arrastada pela corrente.
Mas à par disto outras vontades põem-se em marcha e uma nova esperança floresce no campo que pisamos desde há  milhares de anos. É o caso da revista literária galego-portuguesa Elipse, a que damos a benvinda e que já vimos de assinar por três números:

«O primeiro projeto de Círculo Edições é lançar uma revista literária que sirva de ponto de encontro para aquelas pessoas que desfrutamos com as diferentes formas em que se manifesta a arte de manejar a língua. Publicaremos três números por ano (em fevereiro, junho e outubro), em formato digital (epub e PDF) e em papel.
Os conteúdos serão variados: incluem a poesia, o relato curto, o ensaio e traduções. As secções corresponderão com estes conteúdos.
Ademais de estas secções variáveis programamos duas secções fixas. Uma dedicada a um autor ou a uma autora, que será proposto pelo Conselho Editorial e uma outra dedicada a um clássico da literatura galego-portuguesa como homenagem e em memória do nosso passado comum».

Mais informação no web da editorial.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Manifesto na defensa das editoras en galego

Con sumo pesar recibimos para a súa divulgación este manifesto, en que os nosos editores se queixan do desamparo que o goberno actual dedica a un dos baluartes da nosa industria cultural. Non me cansarei de afirmar que o que pretende esta oportunista desatención orzamentaria é derrubar a construción de identidade cultural que con tanto esforzo construímos nos últimos trinta anos, unha identidade cultural ben antiga mais que só nos últimos tempos comezaba a gozar dunha visibilización mínima. Por que, se non, as queixas das escritoras galegas de España, cando se laian de que na Galiza non lles prestamos atención? Por que na homenaxe a Rosalía deste ano foi a protagonista outra escritora española precisada de atención “provinciana”? Xa vimos como o mundo do teatro loita polo espazo que lle negan, como as escritoras da Federación Galeusca denuncian unha reforma educativa que as invisibiliza e agora as editoras, sen apoios para unha industria de especial protección debido ao material cultural que divulgan, entoan o que semella un canto do cisne. Semella que un novo Atila, sobre un cabalo engalanado cos ornamentos da democracia, cabalga sobre a Galiza.

Para asinar o manifesto é preciso dirixirse a heitorpicallo(arroba)yahoo.es ou mardepereira(arroba)sapo.pt, xuntando nome, apelidos e profesión.

MANIFESTO NA DEFENSA DAS EDITORAS EN GALEGO

E hoxe –mentres os ladros de ilusións e normalidades reclinades as vosas cabezas nos acolchados diváns, a golpe elástico do tirante de don Celidonio– tócanos pór a man no peito e escoitar o latexo da máquina comunitaria, con sinceridade e dor ao unísono. A nosa vida comeza a fallar, o motor de arranque axustouse ao trebello pero este non carbura: a explosión na buxía cultural apenas sincroniza co avance das mentes políticas, baixa o pistón e a biela non se move.

Prefire don Celidonio –man no bandullo– as empresas de lonxe, e os nosos artesáns da escrita perden medios de difusión,… Pecha o papel de prensa en galego, botan o fecho tamén algunhas editoras (A Nosa Terra liquida as súas existencias, as nosas re-existencias dende a memoria e a certeza), outras mantéñense sobre o arame –temerosas– e debaixo non hai rede para illalas do baleiro. Actrices e actores piden “cidades para a cultura”, músicos e artistas buscan papel e partitura para as súas voces. Non se baixa a claqueta do cinematógrafo nin se ergue o pano, non se respectan as vangardas musicais de noso e tampouco o folclore do país. Unicamente ouvimos riseiras, gargalladas e arroutos dende as gorxas que engolen a nosa voz sen atragoarse.

Xa sopra sen buguina o verso desacougante de Espiral Maior. De momento fica en puntos suspensivos a súa existencia. Mais,… quedarán xanelas para a esperanza? Cando deixarán de nos roubar o brillo e a fachenda? Cando? Cando a cor do horizonte será nosa na liña dun verdadeiro “progreso”?

Don Celidonio “ten as fazulas hipertrofiadas, da cor do magro do xamón”,…

Quen é capaz de comprender a historia da lírica galega dos últimos vinte e cinco anos sen esa espiral maior de autoras e autores? Sen ese labirinto de títulos e ese mosaico de estrofas e versos libres? Libres,… libres sodes para nos exterminar, para nos sacardes o pan da boca e darllo ao que máis devora e infla o bandullo. Libres,… libres sodes para nos introducir nun role-playing game no que non haberá vítimas humanas –iso coidamos– pero do que nacerán cadáveres entre as primaveras de Cunqueiro.

Quen entende o ensaio de ideas sen Laiovento e o ensaio histórico sen Toxosoutos? Quen saborea dozura cando esas e outras enormes “pequenas” editoriais poden –se cadra– fechar mañá as cancelas das súas vidas? Estamos de rebaixas,… ou en LIQUIDACIÓN por peche? Deberase preguntar en “industria”, en “cultura”, en “lingua”, no INEM,… Igual son eles os nosos xefes e nós non nos decatamos,… Igual a patronal ideou a deslocalización da nosa cultura para chantala sen regadío no país de ningures.

Don Celidonio “é igual por dentro ca por fóra: carne e espírito son a mesma zorza”.

Espiral Maior continúa co peche do círculo, co peche de ciclo, co cadeado e co grillón que nos resta pés para andar por camiño seguro e vieiros de antano,… polas liñas da certeza e do acerto, polos versos do compromiso e da lealdade a este recuncho do Atlántico, baluarte da nosa historia e da nosa identidade. Perdón, desculpen logo,… sentímolo moito, mais por aquí non rendemos preitesía, nin bicamos mans, nin pousamos o xeonllo en terra para sacarmos o chapeu e saudar ao amo… A reverencia só é para a Palabra, que se verte libre en torrente e manancial de saúde dende o maxín até a tórculo, dende a man que comeza a escrita até a letra impresa. Só guindamos caraveis á lingua de noso, á voz de antano, ao namoro do galego, ao amorodo nos beizos ao saborear os 150 anos dos Cantares de Rosalía.

Don Celidonio: “adubo de ourego e pemento”.

Queremos medios para sermos nós, e non medos, nin remendos, nin remedios,… Queremos vida onde ten que habela, entre a letra e os seus espazos, entre o son e a escrita, no pano do teatro e na ringleira de carácteres. Queremos ser núcleo e cerna, trabe e alicerces do paraíso, e escorrentar de vez os que non aman esta Terra porque non a senten dende as veas e dende o peito,… Hai pantasmas no castelo e nós non temos medo.

Seredes culpábeis dos vosos actos.

Seredes responsábeis de abrir a gabia e o nicho.

Seredes furtivos da palabra, homicidas da linguaxe e ladróns. Iso, ladros e ladras da alma comunitaria.

Seredes o que hoxe sodes e do que mañá quizabes vos arrepentiredes.

Seredes,… E por iso para nós non sodes presuntamente inocentes.

Seredes,… unicamente fedor, fenda e ferida; loito, pranto e inxustiza.

Marzo de 2013, cumpríndose 90 anos de ser elixido Afonso D. Rodríguez Castelao como Director Artístico da revista Nós e a 80 de se crear –xunto con Vascos e Cataláns– o pacto Galeusca

Chuzame! A Facebook A Twitter

Toda a poesia é luminosa

Encontro sobre poesia sobre infância e juventude

Chuzame! A Facebook A Twitter

'Versos fatídicos' xa na rúa

Felizmente, veu á luz o meu libro Versos fatídicos (1994-2010), nas Edicións Positivas do tan modesto canto perspicaz Paco Macías, a quen a cultura galega, e agora eu mesmo, tanto lle debemos. Non esquezamos que na súa altura foi o editor que prestou atención ao poeta máis moderno -post ou ultra, tanto fai- das letras actuais, recoñecido este ano no Día das Letras Galegas con tantas honras que, aínda que sen dúbida merecidas, o habían de sorprender se soubese delas.

Mais non editou Positivas unicamente con bon criterio unha vez, senón polo contrario infinidade delas: Apollinaire, Whitman, Ginsberg, Safo, Bukowski… para alén doutras necesidades da modernidade (Pereiro, Ronseltz, Reixa, Outeiriño…) e da postmodernidade (Iglesias, Reimóndez, Gómez Pato…). Mais onde se luciu foi coa publicación de Construcións de Eduardo Estévez; sen entrar nun debate xa pasado, foi un acerto que a obra a que o xuri inicialmente tiña concedido o Premio de Poesía González Garcés fose atendida e viñese a ser publicada. Mais unha vez, quen mostrou a súa vontade de servizo á poesía foi Positivas.

Hoxe teño a honra de ver os meus textos publicados nesta louvábel editorial, se cadra con menos méritos que os que defenderon títulos anteriores. No entanto, teño que valorar o inspirado prefacio que escribiu François Davo para a ocasión, así como as sorprendentes ilustracións dun artista oculto para moitos nas Mariñas, Alberto Esperante. Tamén recuperei un deseño fantástico de Juan José Nieto que acompañou un texto meu nos noventa, cando a participación nun Bestiario da artesanal Edicións do Dragón.

Versos fatídicos é unha colectánea de poemas inéditos e outros agora versionados con moita liberdade, na súa maioría escritos en portugués ao longo de dezasete anos. Non entraron ningún dos publicados outrora nas antoloxías e nas reflexións críticas referidas á poesía dos noventa, se cadra debido a que a crítica considerou que a lingua os afastaba do sistema literario galego. Hoxe, tal como daquela, estimo que o galego é en esencia a mesma lingua tanto se escrito con grafía española canto coa histórica: a nai dunha lingua de proxección internacional irresponsabelmente desatendida na Galiza, e a filla pobre de si propia. Por iso, aínda a risco de non satisfacer de novo a ninguén salvo a min mesmo, decidín adaptar a grafía á mais comunmente usada no país, para tentar favorecer unha normalidade cultural pola que moitos nos esforzamos, e que as máis das veces resulta máis nominal do que real, infelizmente.

Ao mesmo tempo, anuncio con descaro que o libro ofrece unha variedade de temas, formas, estilos e intencións que me agrada tanto canto algúns amigos meus celebran. Porque as musas son moitas, tantas como os momentos de inspiración, e estes conceptos son tan necesarios para quen os defende como para quen os nega, se é realmente poeta, como afirmo na contracapa:

“Nunha época en que se valora tanto o monolitismo temático, ofrecemos agora un poemario miscelánico até o paroxismo. Son poemas xurdidos de arrebatos promovidos por esas musas que tantos aseguran non existiren, e mesmo por outras que estes seguros teóricos son incapaces de imaxinar. Musas fuxidías como a auga do mar e musas erguidas en pedra que resisten a maré dunha época en que a razón literaria nega o espiritual encanto se deita cada noite con el para poder escribir versos inspirados.”

Para finalizar, non deixen de aproveitar a precocidade luminosa do crítico Armando Requeixo, quen xa lle dedicou unhas palabras a estes versos nacidos, por causa do fado, das maos que agora xa se despiden dos amábeis lectores deste blogue.

http://www.edicionspositivas.com/
Chuzame! A Facebook A Twitter