Category Archives: Crítica

A melancolía dos corpos, de Xulio L. Valcárcel

Somos o que recordamos

Capa do libro A melancol�a dos corpos, de Xulio L. ValcárcelPorque "somos o que recordamos" (p. 34) vivimos para ser. As experiencias rememoradas defínennos no inquérito permanente de perguntármonos quen somos. A nosa fórmula persoal é a cartografía do camiño andado, que através do filtro da memoria recuperamos e facemos presente imperfectamente. Si, os arquivos gardados son recuperados, inevitabelmente, de modo incompleto. Porén, os corpos son o único vestido con que nos proveron para viaxar e nel cada marca, cada cicatriz, cada ruga é testemuño daquilo que foi abandonado. Porque a vida é un percurso en que unha vida se deixa atrás.
Así o pulso sensíbel de Xulio Valcárcel deseña para nós unha colección de estampas en que a visión das raparigas, dos vellos, da amante ou da nai nos ofrece como desde un panóptico unha reflexión sobre amor nacido e a eternidade do amor. Son os poemas unha sorte de fotografías perfumadas das que non lembramos quen eran todo os que alí figuran, e nós impotentes para revivir o pasado en toda a plenitude experimentamos a melancolía dos tempos idos. Aquilo que foi real agora é un mundo de "criaturas ensoñadas" que "deitan un perfume discreto" (p. 32). Deste modo a melancolía é o verniz que dá brillo ás valiosas ruínas do vivido, alfaias que evocan a intensidade dun sentimento puro que perdura na memoria e que significa moito alén da súa fragmentariedade. Unha melancolía destilada desde a madurez que fornece unha reflexión sobre a vida como proceso en que a emotividade, algo eminentemente corporal, evolúe para a procura da verdade ("As palabras que son verdade no poema", p. 9), como cando a pulsión erótica da xuventude é reinterpretada\"Cántaro ou corpo\", poema de Xulio L. Valcárcel como enerxía de poder gnóstico ("Cántaro ou corpo / revelación", p. 17). Así todas as imaxes sentidas e arquivadas na memoria son recreadas literariamente para xerar símbolos existenciais que iluminan a experiencia universal do amor e do tempo, o seu antagónico. É como se o poeta tirase da mochila as vellas pedras apañadas no camiño e as esculpise ante nós como inéditas ruínas. As ruínas dun pasado modeladas de tal modo que significan polo que son e polo que lles falta, suxerindo o inaprensíbel através da súa inevitábel parcialidade. Cada poema unha Venus de Milo repleta de beleza e incógnitas.
A lingua literaria utilizada elude a retórica para mostrar unha visión poética directa en que o sentimental resulte resaltado. O poeta traballa no atelier interior o recordo, e as pedras preciosas que labra son expostas sen vitrina, coa telúrica naturalidade dun "mar que se desalga" (p. 12) perante os nosos ollos e nos permite coñecer da natureza os seus "significados ocultos" (p. 57). Porque a vida sen beleza é desamparo, o poeta fala da vida entregándonos a verdade rescatada do "barro do naufraxio" (p. 61), a verdade que só vencellada á estética é capaz de flotar e xa non se perder no esquecemento para sempre, unida indisolubelmente á "beleza recollida / no tremor dalgún verso" (p. 51). -

Notas:
1. As imaxes corresponden a unha edición especial da Sociedade de Cultura Valle-Inclán, con ilustracións de Laureano Davila Eirín e letra manuscrita do autor.
2. Esta reseña foi publicada no número 179 da Grial - Revista galega de cultura, en setembro de 2008.

A. F.

Chuzame! chúzame -
Also posted in Alfredo Ferreiro, Poetas | Leave a comment

J. M. G. Le Clézio (1/3) : «L’écriture à la recherche de l’écriture»

"Il faut parler, avec sa bouche, avec ses mains, ses pieds et son ventre, pour devenir libres. Si on parle seulement avec les mots, on n'est pas libres.(...)

Parler : mais de l'autre côté du langage aussi, du côté de ceux qui le fabriquent. Chaque mot devra être retourné comme un gant, et vidé de sa substance.(...)On vous a donné les mots pour obéir, les mots pour asservir, les mots pour écrire des poèmes et des philosophies d'esclave. Il est temps d'armer les mots. Armez-les et lancez-les contre les murs. Peut-être qu'ils pourront aller jusque de l'autre côté. »

(Les Géants, Gallimard, 1973).

J. M. G. Le Clézio

Como talvez outros lectores da miña xeración, o meu primeiro encontro coa escrita de J. M. G. Le Clézio (Niza, 1940) remonta á miña adolescencia, concretamente por un prefacio seu nunha edición de Les Chants de Maldoror de Lautréamont (Poésie/Gallimard, editado en 1973, se ben o estudo data de 1967). Le Clézio escribe: "Esta obra é única. Non hai nada comparábel na literatura. As semellanzas habería que buscalas moi lonxe, no caos da literatura oral (...). Na salmodia, no insulto, ou na oración." E de seguido cita o fragmento dun canto Yoruba invocando o porco bravo. "O símbolo do grito conta a linguaxe-cárcere" insiste Le Clézio. Ainda está por vir un texto sobre Antonin Arthaud, pero ronda xa cerca. Xuntar, na mesma frase dun estudo crítico, salmo, insulto, e oración; acudir a mitoloxías ou tradicións orais extraeuropeas: aquí está o esbozo dunha obra inesperada. Máis adiante Le Clézio continúa nestes termos: "A historia da literatura debería ser a da vida humana. Os Chants de Maldoror serían, xa que logo, o primeiro texto, a cicatriz visíbel dese paso do universo mudo ao universo dotado da palabra."

Chuzame! chúzame -
Also posted in François Davó, Narrativa, Premios literarios | Tagged | 5 Comments

Paul Auster: Un home na escuridade

Un hombre en la oscu

Un home na escuridade é unha obra de madurez, que só pode escribir un novelista que xa teña construído outras magníficas historias antes. Como é característico en Auster, a narración fascina por unha sublime sinxeleza, sustentada na escolla minuciosa das palabras e súa distribución no papel. A profunda reflexión sobre o ben e o mal, sobre a propia condición do xénero humano emana a cada momento da pel dos personaxes, todos protagonistas. Ao mesmo tempo é tremendamente interesante e lúcida a teorización sobre o xénero literario: a acción, a caracterización dos personaxes e a vocación literaria son habilmente escrutinadas sen necesidade dunha soa fórmula. Até o cantil dos puntos sen retorno, que transforman unha suculenta idea argumental nun zorollo inservíbel. Paul Auster, alén de demostrar que un camiño sen saída non é motivo suficiente para abandonar unha idea, permítese andalo até o final a aínda abrir a porta que atopa pintada nun muro. Quen senón el pode ser quen de nos convencer, cun pase de mans, de que un fío solto volve unirse ao novelo a que pertenceu por mor dun milagre?

Talvez non sexa este o libro de que máis goste o lector que non coñeza as súas obras anteriores, mais para os que o seguimos con devoción, Un home na escuridade é un xeneroso presente que, ademais de manternos en vilo durante tres ou catro horas, nos descobre moitos misterios do resto das súas novelas e da esencia dese personaxe chamado Paul Auster, escritor. Canto á tradución para galego, nada podo dicir. Tras agardar toda unha semana pola edición galega, a tentación puido coa vontade e merqueino en Anagrama.

Tati Mancebo

Chuzame! chúzame -
Also posted in Narrativa, Tati Mancebo | Tagged , | Leave a comment

Un frustrado debate con Caneiro

O supracitado post de Caneiro atinxiu máis de 70 comentarios, mais se non chegou a haber verdadeiro debate non foi pola súa causa. Se infelizmente o cualitativo na conversa no alcanzou grande altura foi debido ao ego dun dos intervinientes que tentou acaparar a atención de tal modo que as súas afirmacións de bar sobre autores e críticos caeron como unha manta de frustración sobre os comentaristas. Máis unha vez un ego desatado impediu o desenvolvemento de argumentos valiosos nesta ágora a todos aberta.

Creo que, a risco de perder intervencións, paga a pena en certos ámbitos sermos máis exixentes sobre a calidade dos contidos. A época en que calquera intervención, por interesante que sexa, poda ser esmagada polo ruído de quen máis potas bate, debe acabarse. Eu aposto pola calidade dos contidos, até onde eu chego a ver, e para ladrar ou lapidarse sobran sitios onde facelo. A min xa me chegan as pedras coas que o meu atrevemento me fai tropezar.

Chuzame! chúzame -
Also posted in Alfredo Ferreiro, Narrativa | Tagged , | Leave a comment

Caneiro e o debate imposíbel

Veño de escribirme con Xosé Carlos Caneiro por primeira vez. As miñas espectativas era enormes, pois se trata do escritor a quen máis lle ouvín e lin dicir que unha das grandes necesidades deste país era a creación de debate cultural. No entanto toda a ilusión foi deitada no lixo na primeira ocasión. Aconteceu que, aínda que el se permite criticar todo o que se lle pon diante dos ollos, ante unha leve crítica de Martin Pawley sobre a calidade da lingua literaria da súa ultima novela, xa se puxo a repartir fungueirazos sen cesar. A a miña sorpresa por esta actitude foi absoluta, pois el é quen se reclama inouvido dinamizador do debate cultural. Escribinlle entón unhas liñas para mostrarlle o exceso da súa reacción:

«Señor Caneiro:
Vostede sempre di que non hai abondo debate cultural neste país, mais parece que encaixa mal as críticas negativas por pequenas que sexan. Esa é sen dúbida unha actitude pouco favorábel ao debate, e máis nesta ágora, onde tantos podemos falar case a un tempo.
Por outro lado, penso que o seu incomodo é excesivo para as palabras de Pawley quen, na realidade, só valorou o seu estilo literario. Cre que unha afirmación tan breve debe provocar en vostede tanta queixa, tanto lamento, tanta interrogante, tanta, en definitiva, verborrea emotivamente desmedida? Non me diga que vostede só viviu coa súa aboa até onte, pois todos sabemos que é un escritor recoñecido como poucos e que non deixa de prodigarse nos medios opinando das obras, dos pensamentos e das accións dos máis.
Aguante un pouquiño o tirón, señor Caneiro, é a miña recomendación, e permita que todas as afirmacións que deita nos medios ao cabo do mes podan ter algunha resposta dos seus ouvintes e lectores, aínda que non sexa sempre favorábel. O desexo de debate cultural obríganos, como mínimo, a este esforzo.

Chuzame! chúzame -
Also posted in Alfredo Ferreiro, Narrativa | Tagged , | 5 Comments

Pepe Cáccamo contra as industrias criminais do tempo

Vento de sal, de Xosé Mar�a Álvarez CáccamoO poeta traballa coas sombras. Apaña as substancias que a memoria arquivou e con elas elabora unha visión do pasado. É, pois, avant la lettre, un artista plástico. As pedras da lembranza, aquelas que foron submetidas a decantanción polo transcurso do tempo, son os materiais con que a sensibilidade do poeta constrúe o texto. Deste modo os poemas deveñen sombras que o lóstrego da memoria proxecta no papel, pantalla oportuna, para o noso desfrute de espectadores: "Nunca / esquezamos a luz, a luz rarísima / que entraba polas fendas do faiado, / o que fica en min aínda lóstrego." En Vento de sal referénciase así a recuperación poética do pasado, do que en rigor só se alcanza a ver no seu perfil sombrío, imposíbel de revivir para alén de nun sentimento perenne.
Nesta liña rememorativa o libro ofrece flashes da infancia, da nai ("A miña nai quebrada, brinquedo de latón, / contra os muros do mar"), do pai ("Eu nunca chego a tempo / para darlle compaña nin xantar / a este home remoto / que di ser o meu pai"), das primeiras experiencias eróticas ("Ela era / azougue clandestino, un corpo que pasou / atravesando as órbitas da lúa"), das tardes de domingo ou os areais e os seus ventos que tiñan un valor obscuro para o rapaz sensíbel mais inseguro ("Non sei saír do vidro / derretido de agosto").
Logo dun imaxinario tan rico como este vén o oficio. A pericia que fai que Vento de sal conteña moitos outros versos que tamén han ultrapasar necesariamente a peneira do tempo: "Traba / con dentes de metal opaco a insidia / das industrias criminais do tempo."; "A cortiza dolorosa, o crecemento / animal das carabuñas"; "Peixes verdes en unánime desfile, dirixido / pola orde secreta / das vibracións do ar"... Son versos de máxima suxestión e corpo mínimo, condensación ben pouco habitual neste tempo de confesión íntima e narración superficial de experiencias en que o poético semella un capricho inxustificado para engordar o xénero literario. Porque para facer poesía non chega con ter vivido, senón que é preciso mostrar a Verdade do vivido como "un tremor de nostalxia sen volume". A tristeza, ese tópico pendurado do poeta, non é un capricho da Tradición senón un modo de aproximarnos do inaprensíbel: o noso destino é chegarmos a acordar o "perfeito suicida" que agarda por nós "no derradeiro andar". Aquel que acompaña o poeta desde sempre e do que este declara: "El deixou unha nota / que avisaba / da miña tristura."

Alfredo Ferreiro

[Sobre Vento de sal, de Xosé María Álvarez Cáccamo. Galaxia, 2008. Publicado en Protexta, suplemento da revista Tempos Novos, 7, verao de 2008]

Chuzame! chúzame -
Also posted in Alfredo Ferreiro, Poetas | Tagged , | 8 Comments

Tempos Novos na Rede en casa propia

Celebro emocionado que a Tempos Novos se teña lanzado tamén en formato electrónico, algo moi necesario nestes tempos de indubitábel axilidade comunicativa. Ademais, o invulgar suplemento de letras da revista, o Protexta, que aquí tamén se poderá consultar, vén de comezar un périplo novo desde o número 05, cando foi distribuído de graza con todas as cabeceiras do Grupo La Capital (El Ideal Gallego, Diario de Arousa, Diario de Bergantiños e Diario de Ferrol) agás DXT Campeón. Así as cousas, consegue atinxir os 60.000 exemplares e voar para uns 120.000 leitores potenciais. Sen dúbida un salto cuantitativo na súa divulgación que a súa cualidade merecía.

A. F.

Chuzame! chúzame -
Also posted in Alfredo Ferreiro | Leave a comment

Sobre a triloxía “Evanxélica memoria”, de Xavier Alcalá

A noite acesa de Xavier Alcalá

"Eu cando vexo isto digo:
canto amor e canto odio"
M. Molares (testemuña)

Xavier Alcalá na súa casa da Coruña - Fot. de Alfredo FerreiroA finais dos 90 don Manuel Molares Porto, ancián da igrexa de Ares, contactaba con Xavier Alcalá para comunicarlle o interese da comunidade evanxélica en publicar a heroica xesta que viña de protagonizar no século XX. Procuraban un rapsoda inspirado que elevase o seu pasado recente a rango de arte, para facilitar deste modo a lembranza e a reflexión sobre os esforzos tamaños que só pola fe inquebrantábel no Amor tiña logrado realizar a comunidade. Os acontecementos do pasado, convertidos en literatura, pasarían de ser reais a seren verdadeiros. Porque a Verdade, inapreensíbel racionalmente dos infinitos puntos de vista que a completan, só pode ser mostrada integralmente da perspectiva artística.

Chuzame! chúzame -
Also posted in Alfredo Ferreiro, Narrativa | 2 Comments