«As actividades da Festa do Libro que ten lugar nos xardíns de Méndez Núñez entrecrúzanse coas programadas baixo o lema “A cidade que le” . A este último pertence a recuperación dos cafés literarios en distintos locais da cidade, o primeiro dos cales tivo lugar onte á noite na Postrería, coa participación da escritora Tati Mancebo. O libro electrónico centrou a conversación dos asistentes, entre os que se atopaba a concelleira de Cultura, María Xosé Bravo, ademais de persoas das bibliotecas municipais.
“As cousas sempre se fan porque se poden facer, como se fixo non seu día a clonación, e por iso ou mellor é prepararse”, apuntaba a escritora, que acudiu cun libro electrónico. Ademais de iniciativas que xa están a pór en marcha en Galicia a impresión baixo demanda, Mancebo destacou que o que está a ocorrer co libro electrónico é algo similar ao que ocorreu coa música coas descargas gratuítas en Internet, “e mirade ou tempo que levan con iso sen que o teñan arranxado”. Neste sentido asegurou que o modelo do negocio editorial está a cambiar [...]. Ademais dos dereitos de autor, a escritora apuntou que o libro electrónico suporía un notable cambio nas bibliotecas, que pasarían a ser un punto de encontro “para ver e comentar o que está lendo outra xente”. Sobre estes centros indicou que en varios países europeos “están pechando as bibliotecas por problemas de espazo”. [...]» (La Voz de Galicia)
Mañá, martes 20 e ás 18:30, participarei na mesa “Comunicar cultura nos medios III”, xunto con Roberto Noguerol, Ana Romaní e Manuel Gago. Estarei polo Consello da Cultura Galega desde cedo, para tirar o máximo proveito dunha convocatoria tan apetecíbel. Pode consultarse o programa completo aquí.
«A comunicación ocupa un lugar central na configuración dos novos modelos de sociedade e, por tanto, tamén nas transformacións no campo cultural. Comunicación e Cultura son aspectos da mesma realidade social que dificilmente podemos separar. Nestes últimos anos a alianza entre cultura e comunicación converteuse nun eixe estratéxico para xerar produtos creativos, para fomentar o intercambio de puntos de vista e para incentivar a participación cidadá en todos os ámbitos da vida diaria. O panorama actual amosa oportunidades para que, mediante o emprego das ferramentas axeitadas, poidamos converter vellos soños de renovación no campo da comunicación e da cultura en realidades. A comunicación mediada tecnoloxicamente, como elemento transversal para a cultura, convértese nun instrumento clave nos procesos de difusión e creación para uns cidadáns cada vez máis esixentes. De feito, a cultura encóntrase no centro da maioría dos debates contemporáneos sobre identidade, tolerancia e convivencia en igualdade. Hai, por tanto, apaixonantes desafíos pensando a comunicación desde a cultura.
Estas xornadas de traballo, enmarcadas nos foros de debate que promove e organiza o Arquivo de Comunicación do Consello da Cultura Galega, queren achegar reflexións teóricas e prácticas, potenciar o coñecemento e fomentar o debate. Será un encontro aberto con voces plurais para procurar ideas neste proceso de análise e debate colectivo, con especial atención ás renovadas técnicas para comunicar cultura no ecosistema mediático do terceiro milenio. [...]» (Consello da Cultura Galega)
|
|
Comentarios