Este venres 5, no stand da Concellaría de Cultura da Coruña no Culturgal (Palexco, A Coruña), Tati Mancebo, como directora do obradoiro, acompañará na presentación (12:30) do agardado disco á concelleira María Xosé Bravo e á cantante María Xosé Silvar (Chámalle Xis). O disco será ofrecido de balde no stand da Concellaría desde mañá mesmo.
Na Radio Galega haberá a apartir de mañá audicións e entrevistas. Proximamente será anunciada a edición do obradoiro A Coruña Son de 2009, e poderán baixarse libremente as cancións do certame que aparecen no disco. Aquí podedes escoitar as cancións na versión inicial:
Malia todos os últimos avances da tecnoloxía da tinta electrónica, parece ser que o dispositivo electrónico de lectura de maior aceptación é o Iphone. O Iphone porque é o primeiro, máis estábel e cun maior número de aplicacións subsidiarias desenvolvidas, mais todo o que se pode facer hoxe cun Iphone está a piques de poder facerse con aparellos substancialmente máis baratos. Imaxino os lectores de libros de tinta electrónica como dispositivos residentes en colexios, bibliotecas e mesmo bares, para uso colectivo ou doméstico, mais non como principais ferramentas de lectura en termos xerais, desa lectura urxente, apresurada que aprendemos a facer ao estenderse o consumo de prensa diaria.
A xente de Nintendo acaba de sacar un "xogo" para ler libros na DSLite con comodidade, que inclúe 100 títulos clásicos de todas as épocas... que non están suxeitos a dereitos de autor.
Porque "somos o que recordamos" (p. 34) vivimos para ser. As experiencias rememoradas defínennos no inquérito permanente de perguntármonos quen somos. A nosa fórmula persoal é a cartografía do camiño andado, que através do filtro da memoria recuperamos e facemos presente imperfectamente. Si, os arquivos gardados son recuperados, inevitabelmente, de modo incompleto. Porén, os corpos son o único vestido con que nos proveron para viaxar e nel cada marca, cada cicatriz, cada ruga é testemuño daquilo que foi abandonado. Porque a vida é un percurso en que unha vida se deixa atrás.
Así o pulso sensíbel de Xulio Valcárcel deseña para nós unha colección de estampas en que a visión das raparigas, dos vellos, da amante ou da nai nos ofrece como desde un panóptico unha reflexión sobre amor nacido e a eternidade do amor. Son os poemas unha sorte de fotografías perfumadas das que non lembramos quen eran todo os que alí figuran, e nós impotentes para revivir o pasado en toda a plenitude experimentamos a melancolía dos tempos idos. Aquilo que foi real agora é un mundo de "criaturas ensoñadas" que "deitan un perfume discreto" (p. 32). Deste modo a melancolía é o verniz que dá brillo ás valiosas ruínas do vivido, alfaias que evocan a intensidade dun sentimento puro que perdura na memoria e que significa moito alén da súa fragmentariedade. Unha melancolía destilada desde a madurez que fornece unha reflexión sobre a vida como proceso en que a emotividade, algo eminentemente corporal, evolúe para a procura da verdade ("As palabras que son verdade no poema", p. 9), como cando a pulsión erótica da xuventude é reinterpretada como enerxía de poder gnóstico ("Cántaro ou corpo / revelación", p. 17). Así todas as imaxes sentidas e arquivadas na memoria son recreadas literariamente para xerar símbolos existenciais que iluminan a experiencia universal do amor e do tempo, o seu antagónico. É como se o poeta tirase da mochila as vellas pedras apañadas no camiño e as esculpise ante nós como inéditas ruínas. As ruínas dun pasado modeladas de tal modo que significan polo que son e polo que lles falta, suxerindo o inaprensíbel através da súa inevitábel parcialidade. Cada poema unha Venus de Milo repleta de beleza e incógnitas.
A lingua literaria utilizada elude a retórica para mostrar unha visión poética directa en que o sentimental resulte resaltado. O poeta traballa no atelier interior o recordo, e as pedras preciosas que labra son expostas sen vitrina, coa telúrica naturalidade dun "mar que se desalga" (p. 12) perante os nosos ollos e nos permite coñecer da natureza os seus "significados ocultos" (p. 57). Porque a vida sen beleza é desamparo, o poeta fala da vida entregándonos a verdade rescatada do "barro do naufraxio" (p. 61), a verdade que só vencellada á estética é capaz de flotar e xa non se perder no esquecemento para sempre, unida indisolubelmente á "beleza recollida / no tremor dalgún verso" (p. 51). -
Notas:
1. As imaxes corresponden a unha edición especial da Sociedade de Cultura Valle-Inclán, con ilustracións de Laureano Davila Eirín e letra manuscrita do autor.
2. Esta reseña foi publicada no número 179 da Grial - Revista galega de cultura, en setembro de 2008.
Eugenia Rico (autora galego-asturiana en castelán): "Estamos en el siglo XXI y hay que buscar nuevos caminos para la novela que más bien sean carreteras asfaltadas. Escribir ahora novelas como las de Galdós, que tanto admiro, o como la maravillosa Los pazos de Ulloa, de Pardo Bazán, es como hacer coches sin aire acondicionado." Entrevista completa.
As universidades galegas e as do norte de Portugal crean o primeiro clube de lectura virtual transnacional, que comezará a funcionar en 15 días. Haberá un esforzo no desenvolvemento do libro electrónico ou será só unha rede social de lectores en papel? Crucemos os dedos.
Onte acudín á entrega a Xosé Luís Martínez Pereiro do III Premio de narrativa breve Repsol por A verdade como mal menor. Ás 7:15 xa estaba eu na Praza do libro, onde puiden aínda pasarme pola libraría Couceiro e apañar o último libro de Manuel Forcadela antes de sentarme a conversar no italiano próximo con Heidi Kühn-Bode, esa poetisa galega de cabeleira xermánica , ollar creativo e sorriso universal. Chegada a hora fomos recoller a Maite, unha súa agradábel amiga, e os tres entramos no Palacio da Ópera, onde me atopei, como calculaba, co Xavier Alcalá. Representaban esta noite unha obra que ben se podería chamar —antes que "entrega de premio"— algo así como "Príapo laureado", e nada puido ser máis divertido do que isto! O Palacio da Ópera rezumaba rigor e compostura, a seriedade era por toda a parte, e un batallón de azafatos e azafatas movían mesas e repoñían atrís coa axilidade dos recursos humanos de Roland Garros en pista. Todos nós serios e traxados, perfumadas e entrapadas movíamonos polos corredores e asentos co ton de voz e o xesto de quen sabe presenciará unha función de calidade. E a verdade é que non me defraudou.
Adubados polas palabras dunha presentadora que falaba galego coa prosodia do esperanto, interviu en primeiro D. Ángel Crespo, director da refinaría, coa lectura dun texto en galego que excedía moito as súas competencias lingüísticas aínda que respondía á súa mellor intención; despois o editor D. Victor Freixanes que, como cabía esperar en quen o coñece, ergueulle a omoplata ao evento, mesmo provocando risos e abertas simpatías; a continuación falou Dna. María Sol López, secretaria xeral de política lingüística, quen se manifestou moi satisfeita porque viña de defender en Madrid un evento de máxima proxección cultural galega en que ela mesma e outro galego se manifestaron en castelán encanto o seu homólogo madrileno dedicira facelo en galego. Sen dúbida unha conquista. Todos, iso si, moi sastifeitos polo universal interese de Repsol en preservar a riqueza cultural alí onde fai negocio.
Pois ben, neste contexto palacego e solemne, ao calor das altas finanzas petrolíferas (as que gobernan sobre todas os designios planetarios), Xosé Luís Martínez Pereiro saíu humildemente para recoller un premio por unha obra que presentaron como desenfadada mais que na realidade nos fai gozar cun insospeitado espírito irreverente, escatolóxico, anticlerical, sodomita e, agora sospeito, capaz da cropofaxia ou a zoofilia.