Feijóo, o galego e nós

«Recóllese neste libro un total de sesenta e oito artigos publicados na prensa galega -máis algúns procedentes de blogues e xornais dixitais- entre xaneiro de 2009 e mediados de marzo de 2010, até hoxe mesmo e desde que o candidato Núñez Feijóo decidiu asumir e amplificar o alcance das demandas galegófobas dun colectivo de falsaria denominación […].  O xeito pronominal que pecha o título Feijóo, o galego e nós non esgota o seu referente no colectivo de autores que dan corpo a este volume. Nós somos multitude. Somos quen nun período de oito meses, entre o 17 de maio de 2009 e o 31 de xaneiro de 2010, enchemos as rúas e prazas e Compostela en tres sonadas e pacíficas ocasións para declarar a vontade de Galiza fronte á estratexia de destrución dos alicerces da nosa identidade que preside a acción do goberno de Núñez Feijóo. Somos integrantes, asinantes e simpatizantes de diversas plataformas cívicas que se crearon para enfrontar este novo vómito convulso de chapapote. Somos os centos de colectivos, asociacións e organismos que emitiron comunicados e manifestos de rexeitamento da nova política lingüística e cultural. Somos a comunidade escolar abraiada diante da mentira oficial, da trapallada consultiva e da censura obscena, e alarmada fronte á ameaza dun decreto involucionista, destrutivo e patético. Somos galegos e galegas con lingua propia, aprendida na casa dos nosos maiores ou asumida como idioma de nós en condición voluntaria de neofalantes. Representamos a herdanza milenaria do idioma a través do que se expresa a historia e a realidade nacional de Galiza. Somos tamén os que agardamos que, nunha edición futura -que sería outro libro- se titule, simplemente, O galego e nós. Xa sen Feijóo. Marzo de 2010. Xosé María Álvarez Cáccamo.»

Pola nosa parte, un artigo do OLM foi seleccionado para esta publicación, feito que nos enche de orgullo: “A democracia, unha imposición intolerable. A presentación na Coruña será o venres 11 ás 20:00 na libraría Couceiro (Praza do Libro).

Comentarios pechados.