Publicado o número 33 da revista Dorna

«O escritor Samuel Solleiro traduce ao galego unha pequena escolma da poesía do catalán Enric Casasses (Barcelona, 1951) no último número da revista Dorna, que editan a Universidade de Santiago e a Secretaría Xeral de Política Lingüística. O número 33 da publicación que dirixe Ramón Lourenzo complétase con dous traballos críticos –Notas obre a nova poesía galega en voz feminina, de Henrique Marques Samyn, e Conflito persoal e vampirismo social: a ‘Velada de Londres’ de Manuel Lourenzo, de Rocío Dourado– e un amplo apartado de creación con pezas, entre outros, de Arturo Casas, Chus Pato, Iria Sobrino, Emma Pedreira, Marcos Calveiro, Alfredo Ferreiro ou Antón Dobao. […]

No apartado da crítica literaria, destaca o traballo de Henrique Marques Samyn (2006) sobre a obra poética de Lupe Gómez (Fisteus, Curtis, 1972), Estíbaliz Espinosa (A Coruña, 1974), Olga Novo (Lugo, 1975), María do Cebreiro (Santiago, 1976), Emma Couceiro (Cospeito, Lugo, 1977), Yolanda Castaño (Santiago, 1977), Emma Pedreira (A Coruña, 1978) e María Lado (Cee, A Coruña, 1979).

Dorna, cuxo número 33 ilustra o debuxante ourensán Siro, é unha revista de creación poética vencellada á facultade de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago. Está dirixida por Ramón Lourenzo e conta con Miro Villar como secretario e con David Pérez González, Mario Regueira, Lorena López López e Xosé Manuel Salgado como membros do seu comité de redacción.» (Ler máis en Xornal.com)

Comentarios pechados.