A resposta de Xavier Lama sobre o Premio de Poesía Miguel González Garcés

Xavier Lama: “Hai uns meses comunícanme que fun finalista do González Garcés despois dun disputado debate, que remata con 3 votos a 2 a favor de Estévez, quen me merece todo o respecto.” [...]

Segundo se recoñece aquí, alguén comunica a Lama que perdeu por pouco a votación: esta información, que debe pertencer á Acta do Xuri 2008, é pública? Temos todos os cidadáns acceso a ela? Ou os finalistas? Creo que estes datos non deben trascender do ámbito da documentación interna dos premios, e que o rigor nestes casos é fundamental para o prestixio dos galardóns. Porén, non pensen que estes lercheos non son parte do procedemento acostumado en tantos e tantos outros casos. Nalgúns, e falo con tanto coñecemento de causa como poucas ganas de dar datos, fíltranse informacións deste teor sen que ninguén aparentemente sinta vergoña propia nin allea. Somos así, parece ser, polo noso “caraute racial”, como dirían os galegos de hai cen anos? Para min o positivo deste asunto, inxustizas varias á parte, é que nos cuestionemos con seriedade se os modos de proceder que até aquí usamos son válidos para a época presente. Talvez moitos desexamos: a) Que as normas acordadas sexan explícitas e aplicadas a todos por igual mediante modos transparentes e absolutamente rigorosos; b) Que as opinións contrarias sexan abertamente defendidas en coloquios que promoven a mellora dos procedementos; c) Que tanto o poder de arbitraxe canto as decisións finais dos tribunais non se tomen de xeito personalista; d) etc…

Continúa Xavier Lama: “O máis abraiante é o espectáculo alimentado nalgunha web, sen dúbida por un grupiño de colegas que manexan varias claves en Internet e fan insinuacións dunha repugnante baixeza moral. Desde posibles sopros do xurado ata que eu tamén tiña poemas que non eran inéditos no meu libro, o catálogo resulta alucinante. A insidia, a falsidade e a calumnia campan ás súas anchas. Pero se isto só é un premio literario, non a invasión de Iraq… Un amigo meu defíneo como unha “estratexia de linchamento”. Outro recomendábame que non escribira nada, que deixara pasar todo isto, porque a Internet, despois de todo, pode converterse no territorio perfecto para a impunidade. Hai outras opinións, pola contra, con nome e apelidos que respecto absolutamente. [...]“

Aquí, o señor Lama, a quen non coñezo e por quen declaro o meu respeito, despois de sentirse doído por tantas dúbidas razoábeis como as que teñen surxido nas valoracións publicadas no blogomillo, insinúa que tramas intereseiras e redes amicais alimentan as opinións dos blogues que este asunto veñen tratando, e mesmo teme polo seu linchamento no mundo dixital. Vaia, ao final, cando os argumentos frouxean, teñen que saír a colación as de todos coñecida “insidia, falsidade e calumnia” do blogomillo! Certa xente, cando se sente doída, perde o norte e non ve máis que enemigos á volta, por moito que algúns nos esforcemos por argumentar coa máxima coherencia e respeito que somos capaces de aplicar. A inseguranza, en verdade, é a mácula que traizoa a integridade das persoas.

15 comments to A resposta de Xavier Lama sobre o Premio de Poesía Miguel González Garcés

  • Dim as bases, esses sacrosantos textos aos que há que ater-se ponto por ponto: “As deliberacións (do juri) serán secretas” . Como sabe X.Lama que a votaçom foi de 3 a 2? Nom, o resto dos mortais nom tivemos acceso a essa informaçom.
    E umha outra anotaçom: o accesit nom tem categoria de prémio. O ponto número 1 das bases di: “Poderán optar ao premio tódolos autores de calquera nacionalidade, que presenten obras inéditas e non premiadas con anterioridade, escritas en lingua galega, agás os que xa fosen premiados en edicións anteriores”. Como todos sabemos, Eduardo Estévez foi finalista deste prémio noutra convocatória, mas ninguém pensa que isso o desqualifica para participar. Porque o juri entende, e o asesor jurídico da deputaçom parece que também, que o accesit nom tem categoria de prémio. Entom, porque ao tirar-lhe o prémio ao Eduardo, decidem dar-lho ao X.Lama como se este tivera conseguido o segundo prémio?
    A resposta, penso eu, pode estar no ponto sétimo das bases: “Non se devolverán as obras presentadas non premiadas, e a partir do día seguinte ao da decisión do xurado serán destruidas”. Quer-se dizer, que quando chega a reclamaçom de X.Lama, penso que ele próprio afirma que três dias depois, o juri já nom conserva o resto dos poemários que participarom no certame. E se os conservavam, estavam saltando-se as bases! E se o accesit também nom é um prémio, o poemário de X.Lama também tivo que ser destruido. Portanto: DECIDIROM DAR-LHE O PRÉMIO A X.LAMA SER RELER O SEU POEMÁRIO. Nem o seu nem nengum outro, posto que todos foram destruidos. Entendo eu agora porque a opiniom do asesor jurídico foi fundamental. Para tomar umha decissom literária, já nom tinham material. Só posuiam um escrito para decidir: a reclamaçom de X.Lama.
    Estrambótico!

  • Desculpas.
    Cometim um erro ao ler as bases. No comentário anterior, digo que um autor premiado anteriormente nom se pode apresentar ao prémio novamente. Nom, lim mal as bases. Desculpas. Refire-se o ponto número um às próprias obras: umha obra premiada anteriormente (entende-se que noutro prémio, claro), nom pode ser apresentada.
    Novamente, desculpas pola confusom.

  • Seguimos tamén con este tema aló no Porto. Só deixarche constancia de que dentro do estresantes e intensos que foron estes días gardo a boa experiencia de coñecer a dous dos levantadores, aver se volvemos coincidir para outra con máis calma. Unha aperta.

  • Mario: Para min foi un pracer tratarte en persoa, e máis poder comprobar como contribuíches a encher con argumentos interesantes e lúcidos o III Encontro de Novos Escritores da AELG.
    Serán capaces de acreditar algúns que os puntos de debate en que coincidimos até agora non se debían á constitución secreta dunha organización que visa o reparto privado de prebendas no sistema literario? Non merece pensar moito nestas desconfiadas persoas, mais a existencia destas actitudes non deixa de sorprenderme.

  • Salva

    O meu respecto para os dous autores e tamén a miña admiración. Pero … as bases din que a obra ha ser inédita, xusto inédita. Se dixese non publicada, o conto sería outro. Segundo o artigo 4 da lei de propiedade intelectual, unha obra deixa de ser inédita cando se divulga por calquera medio. Mais segue sen estar publicada se non está impresa nun libro cun número máis ou menos significativo de exemplares a disposición do público.

  • eli

    totalmente de acordo. resulta triste observar como o que comezou como um debate mesmo muito interessante foi evoluíndo ao que dizes: Vaia, ao final, cando os argumentos frouxean, teñen que saír a colación as de todos coñecida “insidia, falsidade e calumnia” do blogomillo!
    claro que podemos ser colegas ou nom mas o que caracteriza aos adultos é a capacidade de poder reflexionar deixando um bocadinho de lado a afectividade. por mui parentes ou colegas que sejamos de estevez se a obra fosse firmada com o seu nome, editada ou com algo que nom achassemos correcto também seriamos capaces de dizer: “bem estevez, foi um erro e está bem que te retirassem o premio” e nom passaria nada de nada. mas o debate nom é de colegueos senom de conceitos, de bases, etc. e nisto continuo a admirar a estevez já que no seu blogue colgou todos os links e nem só os que falam a favor dele. também os que nom. a ver se desta aprendemos algo.

  • A ver vamos se aprendemos e melloramos.

  • http://www.entrebuhistas.com/2006/10/29/eduardo-estevez/

    Tamén Eduardo considera que non é ético presentar a un concurso algo que está en internet.

  • combatt

    Comprendo a Lama, sobre todo despois de adxudicarlle cousas que non dixo e bucarlle todas as reviravoltas posibles.

    Sobre o que di aquí o Levantador, que eu non lera ata hoxe (este debate xa cheira a morto), teño que comentar que eu tamén recibín un premio da Deputación da Coruña. Intereseime polas circuntancias da votación, que me comunicou un funcionario, porque as actas son públicas e transparentes. Quería saber cantos votos tivera e os conseguidos polo outro premiado, cousa que non vos é ocultable. Estou seguro de que se alguén pregunta sobre ese dato na habitual rolda de prensa, así se lle comunicaría. Outro choio sería entrar nas deliberacións concretas do xurado, nos motivos das escollas, etc., que pertence ó ámeto do que debería ser segredo.
    Algúns premios de alcance estatal teñen o costume de explicar polo miúdo as distintas votacións, tanto as eliminatorias como as finais. Mesmo hai un libro editado por edicións Destino sobre o proceso de votacións do premio Nadal nas distintas convocatorias e por iso mesmo podemos certificar que Álvarez Blázquez estivo a piques de gañalo nunha ocasión, ou as condicións nas que Vicente Risco foi finalista.
    Certo que Lama se queixou dos comentarios verquidos “nalguha web” naqueles días, pero en ningún momento lin, nin de lonxe, que iso de “insidia, falsidade e calumnia” se refira ó blogomillo. Pero se no blogomillo se poden ler todo tipo de declaracións, algunhas moi favorables a el. Eu estou descubrindo algunhas bitácoras nas que recibe comentarios moi positivos. A última que coñecín é nubosidade variábel.
    Presentáronme a Lama hai máis dun ano e crucei con el unha comversa na miña vida e a Estévez nin o coñezo. Conste que lle enviei a Lama unha mensaxe de solidariedade porque penso que a súa reclamación foi correcta. Tamén sucede unha cousa que quero denunciar: escribín unha mensaxe contando o meu parecer en dous lugares da rede e retiráronmos porque non concordaban coa súa liña editorial. Espero que esa censura non se exerza aquí e que prime a liberdade de expresión, ou non?

  • Imaxino que todos quedaremos moi tocados tras ler o comentario anónimo do blog de Bragado, a relativa á entrevista a Eduardo Estévez en entrebuhistas. A min, no persoal, aféctame de veras. E a fondo.

    E agora si, quero dicilo eu tamén, unha vez que sae esta novidade insospeitada, tratei e sigo a tratar cando hai ocasión con grande afecto e respecto a Eduardo (igual que a Xabier Lama, este e un país pequeno), colaborei con el en proxectos ilusionantes ben pensados, atractivos, francos, e manteño alta estima e consideración polo seu traballo e traxectoria.

    É evidente que en dous anos un pode cambiar de parecer en relación co que é ético ou non o é. Ten todo o dereito do mundo a facelo. Hai circunstancias, hai situacións. E acaso debamos aplicar agora unha indulxencia non corporativa, non estritamente fraternal, non lacrimóxena, pero si decidida e seriamente crítica, ao lermos aquela entrevista de 2006 (aceptando por suposto que non mediou trampa nin corrosión no que naquela altura o entrevistado declarou).

  • Persoalmente non vou entrar en cuestións de moralidade unha vez que, como quen di onte, me cuestionaba se apresentarme a un premio de poesía con algúns dos poemas publicados en revistas, algunha extranxeira. O facto de que xa non me interesa movimentar por premios ningún texto arexado con anterioridade, mesmo non sei se dicer oralmente, é unha lección que tiro deste asunto, e que me serve máis para varrer a miña casa do que para recomendar limpeza aos máis. Eu sei que estes modos foron moeda corrente, e desde agora opino e practico que nada pode ser coñecido do que se envía a un premio que exixe anonimato. Agora, digo, só agora teño isto tan claro.
    Outras cuestións que xa me pareceron fulcrais desde o inicio, como tiven oportunidade de exprimir, foron que as bases deben ser na maioría dos casos moi melloradas, así como discreción dos xurados. Dito doutro modo: máis do que bases e nomes de referencia no xuri o que debe ofrecer un premio que visa o desexado prestixio é un procedemento de traballo eficaz levado a termo co máximo rigor.

  • A ilusión con que se comezan os blogs, alicerzada coa presencia de comentaristas que parecen respostar aos estímulos, vai deixando paso ás dúbidas sobre certos silencios, sobre a sensación de abismo aberto tras o ecrán. É posible que o labor poético de meses exposto na rede fora satisfactorio en liñas xerais, pero faltaba tal vez cobrar a peza completa. E o reclamo dun premio analóxico foi suficiente.

  • Arume, sen dúbida a necesidade de publicar é intensa. Ler outros, razoar, sentir, pórse no branco e riscar co fruto do pensamento, ler o escrito, valorar… revalorar… revalorar coa idea de publicar, evidentemente.
    Creo que a función natural da poesía é mostrar o máis directamente posíbel a Verdade, esa que na vida se mostra a todos fragmentaria e iridiscente, e que a poesía plasma através de imaxes complementarias. Porque o paradoxo en poesía non é contradición, senón complementariedade.

  • As fariñas que me tocaron son ben boas de sacudir, e xa as fun ventilando ao longo das semanas anteriores. Se quere dúas palabras, e aínda repetíndome, aí van: até agora a xente (bastante) permitíase enviar como inéditas obras que contiñan algúns poemas publicados e os membros dos xuris actuaban segundo criterios de bata-de-guata. A partir de agora as bases fican cuestionadas e o comportamento dos xurados tamén. Iso saímos gañando todos, que co rigor todos gañamos, aínda que algúns sempre seguirán ollando para o que eles poden perder.
    Xa lle contarei cando me concedan uns millares de euros. Entón sairei á terraza a sacudirme a fariña, pode acreditar.

  • [...] por escrito pode resultar definitivo e mesmo condenatorio se eu decido, por exemplo, presentar ese relato a un premio. Semella evidente que un blog non é un libro, e sen embargo todo este ballón de páxinas persoais [...]