Un ano a levantar minas

Fixo o día 12 de marzo un ano que naceu O levantador de minas. O seu nacemento era anunciado, a modo de reivindicación estética fundamental, co seguinte título:

A BELEZA RECLAMA O SEU LUGARtonga_nativa.jpg

O corpo deste post inicial simplemente era unha antiga fotografía dunha bela nativa de Tonga, reino que desde unha noticia de La Voz de Galicia de 1999 tiña deitado unha semente subtil no meu íntimo. A noticia era a seguinte:
«El rey de Tonga elige a un estadounidense como su bufón. Taufa’ahau Tupou IV, rey de Tonga, ha nombrado al californiano Jesse Dean Bogdonoff como bufón oficial, según el Tonga Chronicle, “por su visión sensata llena de alegría y de verdad impregnada de felicidad”».

Deste modo, entre a antiga beleza dunha illa recóndita, a sabedoría dun rei que entendía o traballo do bufón como elemento imprescindíbel do reino e o esforzo dun americano por entregar a súa vida á única verdade que a sostén, comecei a erguer este blogue, como querendo que tan elevados espíritos o apadriñasen.

Agora xa non estou só. Outros me acompañan desde dentro e desde fóra. Oxalá estas exóticas benzóns sempre nos guíen, e nos axuden a descubrir toda a marabilla que ao pé da nosa casa florece.

8 comments to Un ano a levantar minas

  • Neste post está definido o impulso poético que me acompañou na creación do blogue. A realidade, a dura realidade de Tonga, porén, camiñou noutras direccións. Segundo parece, o bufón fora contratado como axente turístico e asesor financeiro nunha manobra de Tonga para atraer a atención de investidores internacionais. Ao final, acusado de malversación, voltou aos EEUU para continuar coa súa carreira de músico de jazz. Todo un argumento susceptíbel de ser literaturizado.
    Mais esta última parte da historia nada resta a aquilo que na altura me sensibilizou. Foi de facto unha realidade que eu vivín e que como tal a min pertence. Por lugares como este viaxa a maxia da literatura, independentemente das baixezas dos autores. Aínda que, por outra parte, como podo saber cais eran os verdadeiros obxectivos daquelas persoas a partir dunha noticia que percorreu o mundo en diminutos e sombríos textos xornalísticos?

  • Parabéns por este primeiro ano tan diverso.

  • Ernesto

    Bom aniversário, envio-che em presente um belo poema de Otero Pedrayo, ajeitado para tanta pereginação:

    – O Pelingrino. Nós Nº 38. 15/2/27

    Na esgrevia penedía, tempro da soedade,
    Onde chora a pantasma divina da saudade,
    Entr’os mornos outeiros deita maina fontela
    Con soar de psalterio e refulxir d’estrela.
    O probe pelingrino empoeirado, desfeito,
    (Un corpo que non lembra a quentura do leito,
    E na y-alma aniñadas as arelas da espranza)
    Vai car’a penedía con firme seguranza.
    No farto chán labrego hai lugares d’abondo,
    Quéimase na lareira a frouma con estrondo,
    Corre escumoso o viño i-o branco pan da terra
    Preside a limpa mesa en compaña da xerra.
    Hai leito, lume, acougo; o probe pelingrino
    Nin-os olla, levado pola voz do seu sino.
    Sua descoberta frente non pensa na fartura
    Pois soilo arela a friaxe da domiñante outura.
    A carón do camiño estoupa unha fervenza
    E nos cotos de xestas comestos pol-a avenza
    Cantan loiras pastoras as historias das fadas,
    Dos gnomos e dos elfos, con aire de baladas.
    Triste camiñante
    Deixa teu andar
    Ven ôs nosos circos
    Riseiro beilar
    Nos verdes lameiros
    Ao craro luar
    Com’as volvoretas
    Imos boligar.
    Cangado o pelengrino polos aires da serra,
    Non escoita as chamadas garimosas da terra.
    Á soma d’un cruceiro pensaba un vello monxe
    Ó ritmo misterioso das campañas de lonxe
    Chega a noite, camiñante
    Ven comigo a parolar
    E na celda do mosteiro
    Moito temos que falar.
    Os froitos da miña cencia
    Teranche que contentar.
    O pelingrino n-ouve a tentación do sabio,
    Pois xa gostou dos libros o amargurado labio.
    As tremantes estrelas choran na fonteliña
    E n-auga estrelecida vai deitando mainiña
    As verbas de consolo pr’a probe y-alma núa.
    Brinca riba dos montes o novelo da lua…
    O pelengrino bica a friaxe do granito
    E sinte nos seus beizos os beizos do infinito.

  • Martin: diverso é pouco, e menos aínda se comparado co que me agarda. Oxalá tanta diversidade me sexa tan propicia como como praceres me reporta!

    Ernesto:
    Lindo poema o dese humilde Ulises
    que coñece con certeza
    o sacro fin do seu camiño,
    que resiste o canto das sereas
    e o falso coñecemento erudito.
    Así me quería ver, non o dubides,
    con tanta sabedoría.
    Mágoa non saber onde é o meu granito!

  • X

    Tarde, mal e arrastro, pero aínda chego para felicitalo por manter ao longo dun ano un blog desta calidade. Cos meus mellores desexos de futuro, parabéns.

  • […] historia que vostedes non poden deixar de coñecer, por stevensoniana, por truculenta, por bufonesca  e que lerán completa aquí. […]

  • […] historia que vostedes non poden deixar de coñecer, por stevensoniana, por truculenta, por bufonesca  e que lerán completa aquí. […]

  • AGIL

    Uma bela donzela sempre é bem-vinda e mais, se é “indígena”, portanto, inocente! Feliz Ano 2009!