A revolución de Caneiro

Xosé Carlos Caneiro

De Xosé Carlos Caneiro, o dandi das nosas letras, recollemos esta aposta pola literatura de calidade e por unha revolución literaria que el mesmo pretende iniciar a pesar dos impedimentos do sistema educativo. Unha revolución iniciada por un debate intenso, baseada na elusión das intervencións aburridas e apoiada pola Administración:

«[...] Houbo un tempo en que todo o escrito en galego era considerado como literatura. Vendíanse libros que non eran literatura nos institutos e algúns autores escasamente dotados para a arte literaria pasaban a formar parte, de contado, da nómina áurea da cultura patria. Sucedeu e aínda sucede. [...] Ao galego, nestes días tamén, fáltalle aínda naturalidade literaria e sóbralle afán didáctico. Velaquí o problema: o didactismo. Xogamos a edificar textos que ideoloxicamente resultan moi plausibles pero que fallan, creo, na argumentación artística: a busca de novos camiños, o intento orixinalizador, o coñecemento existencial, a dicción frondosa, a estructuración milimétrica, a experiencia vivida convertida en experiencia contada… escribo esta reflexión coa prudencia necesaria. Intentando aportar motivos para un debate intenso pero sosegado, ou desasosegado como un verso de Pessoa, qué importa. [...] O escritor debe aumentar a súa presenza en foros, debates, televisións, radios. O escritor debe tamén non aburrir en tales territorios. E a Administración, como garante do noso “topos” cultural, debe ser a precursora desta revolución que eu pretendo.» La Voz de Galicia, 26/08/2006, Culturas, páx. 5.

Teño que recoñecer que no fondo comparto con Caneiro unha preocupación pola literatura ― desde logo non máis pola de agora que pola de épocas anteriores ― que me leva a pensar: a literatura galega será literatura ou non será.

Chuzame! A Facebook A Twitter

6 comments to A revolución de Caneiro

  • Concordo totalmente con Caneiro e con vostede. Un sistema literario que depende tanto,tanto, do ensino, está claramente eivado.

  • Se me permite a matización, Náufrago, eu antes que eivado, o que implicaría que nalgún momento foi un adulto completo que perdeu capacidades, diría que continúa en xestación. E no seu tortuoso camiño por lograrse apóiase onde pode.

  • En efecto, resistindo. Pero esa é outra mostra máis do ilóxico da situación. Unha literatura só debería preocuparse de ser literatura, máis nada,como moi ben dicía vostede no post.

  • Concordo bastante con vós… mais unha cousa: a nosa LIX, da que tanto se insiste en que depende do sistema educativo, é un dos alicerces fortes da literatura galega, e así o demostran tamén os distintos premios que acadou fóra de Galicia.

  • Creo contigo, Pés de náufragha, que iso non pode porse en dúbida. Respecto á dependencia do sistema educativo, este facto non me parece un defecto senón a constatación de que, infelizmente, non ten aínda moitos puntos firmes en que apoiarse. A cuestión é: onde debería apoiarse para que deixásemos de falar do sistema educativo, o cal debería estar en segundo plano reflectindo simplemente parte co canon literario galego?

  • Penso que aquí no paisiño falta moita cultura de biblioteca. As bibliotecas deberían ser entendidas como lugares abertos a todo o mundo. E os escritores e escritoras deberían estar moito máis presentes nelas. E as campañas de animación á lectura para a infancia terían que ser máis, moito máis, diría eu, eficaces e contundentes, de maneira que a nosa LIX estivese presente en todos lados, non só na escola.