Este venres 5, no stand da Concellaría de Cultura da Coruña no Culturgal (Palexco, A Coruña), Tati Mancebo, como directora do obradoiro, acompañará na presentación (12:30) do agardado disco á concelleira María Xosé Bravo e á cantante María Xosé Silvar (Chámalle Xis). O disco será ofrecido de balde no stand da Concellaría desde mañá mesmo.
Na Radio Galega haberá a apartir de mañá audicións e entrevistas. Proximamente será anunciada a edición do obradoiro A Coruña Son de 2009, e poderán baixarse libremente as cancións do certame que aparecen no disco. Aquí podedes escoitar as cancións na versión inicial:
Malia todos os últimos avances da tecnoloxía da tinta electrónica, parece ser que o dispositivo electrónico de lectura de maior aceptación é o Iphone. O Iphone porque é o primeiro, máis estábel e cun maior número de aplicacións subsidiarias desenvolvidas, mais todo o que se pode facer hoxe cun Iphone está a piques de poder facerse con aparellos substancialmente máis baratos. Imaxino os lectores de libros de tinta electrónica como dispositivos residentes en colexios, bibliotecas e mesmo bares, para uso colectivo ou doméstico, mais non como principais ferramentas de lectura en termos xerais, desa lectura urxente, apresurada que aprendemos a facer ao estenderse o consumo de prensa diaria.
A xente de Nintendo acaba de sacar un "xogo" para ler libros na DSLite con comodidade, que inclúe 100 títulos clásicos de todas as épocas... que non están suxeitos a dereitos de autor.
Amigos, se do 4 ao 7 escribimos algo no blogue será roubándolle tempo ao sono, pois estaremos Tati, Goretoxo e máis eu a tempo completo traballando para a Asociación de Escritores en Lingua Galega en Palexco, no ámbito do Culturgal. Alí estaremos atendendo o stand nº 38 da AELG e máis dando cobertura mediática vangardista ás palabras que 48 escritores decidan pronunciar sobre a súa actualidade creativa: cunha cámara, un portátil e o bon amigo software libre emitiremos ao vivo na páxina da asociación e logo editaremos a correr para no día seguinte subir as intervencións a YouTube e máis á Axenda Cultural AELG. Se por alí pasades a ver como se desenvolve unha feira cultural tan necesaria como esta, alí nos veremos.
Porque "somos o que recordamos" (p. 34) vivimos para ser. As experiencias rememoradas defínennos no inquérito permanente de perguntármonos quen somos. A nosa fórmula persoal é a cartografía do camiño andado, que através do filtro da memoria recuperamos e facemos presente imperfectamente. Si, os arquivos gardados son recuperados, inevitabelmente, de modo incompleto. Porén, os corpos son o único vestido con que nos proveron para viaxar e nel cada marca, cada cicatriz, cada ruga é testemuño daquilo que foi abandonado. Porque a vida é un percurso en que unha vida se deixa atrás.
Así o pulso sensíbel de Xulio Valcárcel deseña para nós unha colección de estampas en que a visión das raparigas, dos vellos, da amante ou da nai nos ofrece como desde un panóptico unha reflexión sobre amor nacido e a eternidade do amor. Son os poemas unha sorte de fotografías perfumadas das que non lembramos quen eran todo os que alí figuran, e nós impotentes para revivir o pasado en toda a plenitude experimentamos a melancolía dos tempos idos. Aquilo que foi real agora é un mundo de "criaturas ensoñadas" que "deitan un perfume discreto" (p. 32). Deste modo a melancolía é o verniz que dá brillo ás valiosas ruínas do vivido, alfaias que evocan a intensidade dun sentimento puro que perdura na memoria e que significa moito alén da súa fragmentariedade. Unha melancolía destilada desde a madurez que fornece unha reflexión sobre a vida como proceso en que a emotividade, algo eminentemente corporal, evolúe para a procura da verdade ("As palabras que son verdade no poema", p. 9), como cando a pulsión erótica da xuventude é reinterpretada como enerxía de poder gnóstico ("Cántaro ou corpo / revelación", p. 17). Así todas as imaxes sentidas e arquivadas na memoria son recreadas literariamente para xerar símbolos existenciais que iluminan a experiencia universal do amor e do tempo, o seu antagónico. É como se o poeta tirase da mochila as vellas pedras apañadas no camiño e as esculpise ante nós como inéditas ruínas. As ruínas dun pasado modeladas de tal modo que significan polo que son e polo que lles falta, suxerindo o inaprensíbel através da súa inevitábel parcialidade. Cada poema unha Venus de Milo repleta de beleza e incógnitas.
A lingua literaria utilizada elude a retórica para mostrar unha visión poética directa en que o sentimental resulte resaltado. O poeta traballa no atelier interior o recordo, e as pedras preciosas que labra son expostas sen vitrina, coa telúrica naturalidade dun "mar que se desalga" (p. 12) perante os nosos ollos e nos permite coñecer da natureza os seus "significados ocultos" (p. 57). Porque a vida sen beleza é desamparo, o poeta fala da vida entregándonos a verdade rescatada do "barro do naufraxio" (p. 61), a verdade que só vencellada á estética é capaz de flotar e xa non se perder no esquecemento para sempre, unida indisolubelmente á "beleza recollida / no tremor dalgún verso" (p. 51). -
Notas:
1. As imaxes corresponden a unha edición especial da Sociedade de Cultura Valle-Inclán, con ilustracións de Laureano Davila Eirín e letra manuscrita do autor.
2. Esta reseña foi publicada no número 179 da Grial - Revista galega de cultura, en setembro de 2008.
Eugenia Rico (autora galego-asturiana en castelán): "Estamos en el siglo XXI y hay que buscar nuevos caminos para la novela que más bien sean carreteras asfaltadas. Escribir ahora novelas como las de Galdós, que tanto admiro, o como la maravillosa Los pazos de Ulloa, de Pardo Bazán, es como hacer coches sin aire acondicionado." Entrevista completa.
As universidades galegas e as do norte de Portugal crean o primeiro clube de lectura virtual transnacional, que comezará a funcionar en 15 días. Haberá un esforzo no desenvolvemento do libro electrónico ou será só unha rede social de lectores en papel? Crucemos os dedos.
Emilio Torres: Comezamos polo máis actual, se che parece. Despois dunha traxectoria moi consolidada nos campos da narrativa e da poesía, sorpréndesnos agora coa publicación dun ensaio de intenso contido político, no que tocas temas sobre os que até agora apenas te pronunciaras. Antes de entrar neles, que foi o que cambiou para decidires dar ese paso? Salvador Marco: Hai épocas en que pensas que o papel do escritor debe ser estritamente contar historias, e que cadaquén tire as súas propias conclusións. Pero podes acabar simplemente entretendo e, aínda que iso non está mal, non é suficiente. Non sentín esa necesidade en épocas digamos culturalmente máis duras, mais agora que parece que o franquismo tocou fin desde hai catro anos, temos moito por diante e sentín a necesidade de pronunciarme. ET: Haberá quen pense que a súa é unha actitude oportunista, de querer tomar posicións nun momento no que amosar unha certa visión política é menos comprometido que hai uns anos, cando a expresión destas ideas podía colocalo á marxe do sistema cultural. SM: Sempre haberá quen pense iso e tamén quen pense o contrario. Pensei en escribir unha novela con personaxes que ben poderían ser persoas reais, con nomes e apelidos, situados no ámbito literario galego e non a dei acabado. Pensei que se podían malinterpretar as miñas intencións e neste caso si me importaba. Calquera podía pensar, mesmo presuntos ofendidos, que me amparaba na ficción para pasar factura a moitas persoas cando non era así. Por iso escribín A travesía como un ensaio, para expresarme con claridade cando sentín a necesidade de facelo. Read More »